Site icon Crónica3.com A Mariña

FalaRedes estrea en Foz ‘O rueiro das liortas’

pres-rueiro-liortas-fozFoz, 30 de setembro de 2016.- O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, que impulsa a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración cos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, estrea esta fin de semana unha nova actividade. Trátase de ‘O rueiro das liortas’, a nova montaxe escénica da compañía Elefante Elegante que se poderá gozar mañá mesmo ás 19:00 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz e que chegará en exclusiva, ata finais de novembro, a dez concellos galegos.

Así o deron a coñecer esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o alcalde desta localidade mariñá, Javier Jorge Castiñeira, acompañados polos responsables da compañía Elefante Elegante, María Torres e Gonçalo Guerreiro.

García Gómez destacou diante dos micros de Radio Foz que esta quinta actividade do ‘FalaRedes’ “ten como obxectivos promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia, especialmente entre a infancia e a mocidade, e encher o tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma”. O secretario xeral incidiu en que unha das liñas de traballo do seu departamento é a de “axudar a reforzar e consolidar a oferta de ocio en galego dos concellos implicados na promoción do uso da lingua con propostas novidosas que resulten atraentes para a xente nova, sempre da man dos artistas que apostan polo idioma como ferramenta da súa creatividade e que contribúen desde o desenvolvemento do seu labor profesional á normalización lingüística do galego”.

‘O rueiro das liortas’
‘O rueiro das liortas’ é unha proposta escénica inspirada na comedia da arte italiana e no teatro popular que afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. O dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e un neno e unha nena que fan valer a súa verdade son os ingredientes para que esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, nos ofreza a súa particular visión dunha realidade na que as persoas teñen por afección meter o nariz onde non as chaman.

Na liña dos espectáculos creados por Elefante Elegante, teatro visual baseado no texto e no movemento, a peza busca a universalidade e fusiona a palabra con outras linguaxes coma o teatro físico, a danza ou as artes plásticas e visuais. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, o obxectivo desta cuarta proposta do FalaRedes 2016 é que a cativada e a mocidade se acheguen ao teatro en lingua galega por medio dunha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e a palabra van dan man.

Teatro de calidade en galego para o lecer outonal
‘O rueiro das liortas’ poderase gozar durante este mes de outubro nos concellos de Foz, Vilaboa, Brión, Miño e San Cristovo de Cea e, xa en novembro, chegará a Negreira, Mesía (en colaboración coa Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes), Carballedo, Barbadás e Castrelo de Miño.

Coma sempre no ‘FalaRedes’, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a nova edición e o calendario completo de funcións xa están dispoñibles no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais do programa e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes 2016′
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo deste ano, ‘FalaRedes’ puxo en marcha en case un cento de concellos da RDL as propostas ‘Todo me fala de ti’, ‘A viaxe de Rosalía’, ‘Xente miúda, moita fartura’ e ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’. Nas catro edicións anteriores, o programa chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

Exit mobile version