Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra pregunta á CE se está a realizar un seguemento dos incendios forestais na Galiza

Bruxelas, 09 setembro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar ante o Parlamento Europeo que tanto o Goberno da Xunta de Galiza como o do Estado español están a levar a cabo unhas políticas nada axeitadas en materia de prevención e extinción dos lumes forestais.

Despois de constatar que un verán máis os lumes están a queimar miles de hectáreas no noso país, Lídia Senra rexistrou unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea (CE) na que denuncia que a lacra dos incendios que padecemos na Galiza todos os anos está favorecida por factores que teñen que ver cunha mala xestión das Administracións públicas. “A deixadez do Goberno galego é clave na proliferación dos lumes, xa que non é quen de desenvolver unha política contra incendios integral e efectiva”, afirma a eurodeputada de AGEe, para quen “a precariedade e os recortes que sofren os traballadores e traballadoras dos distintos corpos que loitan contra o lume” tamén é un elemento clave, ao igual que “a política agraria que baleira o medio rural e permite e promove a forestación de terras agrarias”.

Tendo en conta que a CE ten reiterado en numerosas ocasións que a través do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS, polas súas siglas en inglés) se promoven as mellores prácticas e se anima aos Estados membros da UE a establecer plans de prevención de incendios forestais, Lídia Senra pregúntalle á institución europea se está a realizar algún tipo de seguemento da aplicación destas recomendacións na Galiza e no Estado español e tamén lle pide que informe sobre se se están a cumprir ou non por parte das citadas Administracións. Igualmente, Senra chama á CE a reorientar a súa Política Agraria Común e a establecer un apoio claro ás pequenas e medianas explotacións para que se manteñan no territorio, xa que “ademais de producir alimentos son imprescindibles para evitar a propagación dos lumes”, defende a eurodeputada.

Agora a CE deberá pronunciarse sobre este tema e dar unha contestación por escrito, aclarando se Galiza e o Estado español cumpren ou non coas recomendacións europeas nestas materias. Esta non é a primeira vez que Lídia Senra leva ao Parlamento Europeo o tema dos incendios forestais na Galiza. A comezos do verán, a eurodeputada pedira tamén quenda de palabra no pleno da Eurocámara en Estrasburgo para denunciar a situación de precariedade na que se atopan as traballadoras e traballadores de extinción e a nefasta política de loita contra os lumes.

Exit mobile version