Lugo, 12 de setembro de 2016.- O candidato autonómico do PSdeG-PSOE pola Provincia de Lugo, Luis Álvarez, denunciou nun acto na Fonsagrada o abandono e consecuente despoboamento que sofren a meirande parte dos territorios do rural lucense. Cun discurso crítico pero propositivo, salientou a posta en valor dos sectores produtivos como método indispensable de desenvolvemento no rural, así como a posta en marcha de políticas activas de emprego que axuden a fixar a poboación.
“Ante o desinterese total do Goberno Feijóo polo rural, nós propoñemos un Plan de Revitalización Demográfica, potenciando o emprego, facilitando a mobilidade cunha rede de transporte de calidade e achegando servizos públicos aos municipios máis pequenos para frear o despoboamento e garantir un maior benestar”, explicou Álvarez. “Temos a obriga e a responsabilidade de cambiar as políticas dos populares na Xunta, non pode ser que se dediquen catro de cada dez euros á extinción de incendios esquecendo por completo a prevención, non se pode permitir este total abandono dos nosos agricultores e gandeiros, maltratando o sector primario sen buscarlle toda a potencialidade que ten”, expuxo o candidato socialista.
Pola súa banda, a candidata número dous da lista lucense, Concepción Burgo, retomou a argumentación de Álvarez comentando “a sorna do señor Feijóo ao facernos crer que os problemas demográficos se ían solventar cunha caixiña finlandesa, ou con partidas orzamentarias a escasos meses dos comicios electorais nun afán de ocultar con parches toda a desfeita que fixo ao longo destes anos”, zanxou.
“Galicia estase despoboando polas políticas nefastas da dereita” foi a afirmación contundente do Alcalde da Fonsagrada e Deputado provincial, Argelio Fernández Queipo. Neste sentido, pediu que “se deixe de menosprezar o rural de Lugo, que se retome o plan de equilibro impulsado polo anterior executivo socialista, e que se establezan políticas integradoras e de asentamento para favorecer territorios con moita potencialidade e escasa ou nula dotación económica”.
O candidato socialista da provincia, Luis Álvarez, xunto ao Deputado provincial, Eduardo Vidal, acompañados doutros membros da candidatura, visitaron o proxecto de produción hortofrutícula asentado no Concello do Valadouro. O alcalde do municipio e promotor do proxecto piloto, Edmundo Maseda, explicou que “a formación agraria é a materia que temos pendente en Galicia”, pois considera que a ausencia de políticas que fomenten o desenvolvemento no sector agrícola “contribúe ao despoboamento e á pobreza do rural”.
Cun proxecto que fomenta o emprego dos máis novos no sector primario, encamiñado cara o emprendemento a longo prazo, “están a conseguir un produto diferenciado, primando a calidade e o valor engadido que conleva”, concretou Álvarez, “pois a agricultura ecolóxica é un sector que está a crecer un 25% ao ano, motivo que parece máis que suficiente para poñer en marcha obradoiros con saídas reais coma este”, concluíu.