Site icon Crónica3.com A Mariña

Mariano Rajoy visita Foz este mércores

Foz, 20 de setembro de 2016. O presidente do Partido Popular de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que a visita de Mariano Rajoy á vila focense programada para mañá, mércores, empezará ás 18 horas na praza Conde de Fontao e continuará por outras zonas da localidade.

“Desde o Partido Popular de Foz queremos agradecer a todas aquelas personalidades que están pasando durante toda esta campaña electoral de apoio a Núñez Feijoo, presidente do Partido Popular de Galicia, especialmente ao presidente Mariano Rajoy, posto que mañá, mércores, ás seis da tarde na zona portuaria, concretamente na praza Conde de Fontao, empezará a súa visita ao noso concello para coñecer de primeira man dos veciños de Foz e dos do resto da Mariña as necesidades que temos e apoiar a campaña a favor de Núñez Feijoo, a favor do Partido Popular de Galicia para as eleccións autonómicas deste domingo”, manifestou Javier Castiñeira.

O presidente dos populares focenses tamén comentou que “esta visita únese a todas as que tivemos a pasada semana: a de Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente, que estivo na zona comercial do noso concello, concretamente na Avenida da Mariña, onde se farán obras nos vindeiros meses; e no día de onte tamén tíñamos a visita de Rosa Quintana, conselleira do Mar, quen na confraría de pescadores escoitou as necesidades do sector no noso concello co patrón maior, diferentes armadores e mariscadoras, que lle comentaron as necesidades que ten o noso concello e a conselleira tamén puido trasladarlles as obras que se fixeron nos últimos anos. Temos que falar de preto dun millón de euros durante os anos de goberno de Feijoo”.

Castiñeira rematou manifestando que é “unha aposta importante do Partido Popular en Foz e na Mariña; e mañá será un día importante para a agrupación local focense, especialmente por arroupar ao presidente Mariano Rajoy, que dende o porto desprazarase á praza Martínez Otero e despois seguirá o seu paseo pola Avenida da Mariña. A todos aqueles que queiran participar e saudar ao presidente do Partido Popular nacional, Mariano Rajoy, poden facelo en Foz e tamén quero invitar a todos a que despois acudan ao mitin central en San Cibrao para e escoitar a unha das primeiras personalidades do noso país”.

Exit mobile version