Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente licita por case 760.000 euros as obras de remodelación da avenida da Mariña no concello de Foz

Santiago, 23 de setembro de 2016.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2cWlkD8), por un importe global de case 760.000 euros as obras para a remodelación da avenida da Mariña, ubicada no centro urbano do concello de Foz.

En concreto, os traballos incluirán a ampliación das zonas peonís, o incremento de áreas verdes e renovación do axardinamento e a mellora do mobiliario urbano e do pavimento, incrementando así a accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Neste senso, dentro da ampliación das zonas peonís, vaise reorganizar o tráfico e agrupar as prazas de aparcamento, de tal forma que se poidan intercalar illotes para os peóns. Así mesmo, para a mellora do mobiliario urbano, renovarase a rede de alumado e crearanse puntos de xestión para os colectores de residuos, reducindo o impacto visual e tamén os malos olores.

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010, e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Desde que se puxo en marcha o Plan Hurbe téñense executado ao abeiro desta iniciativa 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. En concreto, na provincia de Lugo o orzamento superou os 25 millóns de euros e incluíu 19 actuacións. Así mesmo, para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas a este contrato de obra pública dispoñen ata mediados de outubro para remitilas á Administración autonómica.

Exit mobile version