Site icon Crónica3.com A Mariña

Nace Mondoñedo10, un premio diferente aos existentes en Galicia

A Asociación “As San Lucas”, en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o concello de Mondoñedo crean os premios denominados “Mondoñedo 10” co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego na actualidade.

O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado correspondente merezan este recoñecemento.

Establécense dez modalidades que se sucederán ano a ano ata completar un ciclo, convocándose sucesivamente a partir de agora consonte ao seguinte calendario:

Modalidades:
2016: Mellor obra de Narrativa en galego, publicada entre os anos 2006 e 2015.
2017: Mellor obra de Poesía en galego, publicada entre os anos 2007 e 2016.
2018: Mellor obra de Teatro en galego, estreada ou publicada entre os anos 2008 e 2017.
2019: Mellor obra de Ensaio ou Historia en galego, publicada entre os anos 2009 e 2018.
2020: Mellor obra de Música de autor/a galego/a estreada ou publicada entre os anos 2010 e 2019.
2021: Mellor obra de Plástica de autor/a galego/a, executada ou publicada entre os anos 2011 e 2020.
2022: Mellor obra de Artes Visuais de autor/a galego/a, executada ou publicada entre os anos 2012 e 2021.
2023: Mellor obra de Tradución doutra lingua ao galego, publicada entre os anos 2013 e 2022.
2024: Mellor obra de Xornalismo Cultural en galego, publicada ou desenvolvida en calquera medio entre os anos 2014 e 2023.
2025: Mellor Persoa, Proxecto, Colectivo ou Institución do eido cultural galego entre os anos 2015 e 2024.

A partir da convocatoria correspondente a 2025 comezará de novo a rolda establecida, agás que a organización deste premio, previa consulta coas entidades colaboradoras, decidise algunha modificación.
A entrega do premio correspondente a cada convocatoria realizarase en acto solemne coincidindo coas Feiras e Festas das San Lucas dese ano.

O premio, que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dunha obra artística orixinal e única de autor/a de prestixio recoñecido. Na edición de 2016, este acto será o domingo, 16 de outubro ás 17:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Mondoñedo.

Exit mobile version