Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde invita a ribadenses e visitantes a gozar das festas en harmonía e respecto

Ribadeo, 7 de setembro de 2016. No ecuador das festas o alcalde invita a veciñ@s e visitantes a gozar das festas en harmonía e respecto. Fernando Suárez cualifica os festexos de “broche de ouro” a un verán histórico polo número de turistas que pasou polo concello.

O alcalde manifestou que “sendo hoxe un dos días que se presume día grande, día 7, coa verbena e os fogos artificiais, e mañá sendo festivo local, día grande, día da patroa, eu como alcalde de Ribadeo e membro da Corporación Municipal, queremos desexarlles a todos os veciños e veciñas de Ribadeo, a aquelas outras persoas que están fora, pero que neste tempo de festa veñen aquí a Ribadeo, e a aquelas outras que nos escoitan porque están aquí de vacacións ou porque lles gusta Ribadeo sexan do Occidente de Asturias ou doutras partes do país”.

Suárez Barcia deséxalles “unhas boas festas a tod@s, seguramente haxa problemas pero pido que nestes días de festa queden minimizados e que poidamos todos gozar en paz e harmonía coa familia e os amigos reencontrándonos cos que non están habitualmente ao longo do ano e utilizan Ribadeo como un lugar de encontro. Ribadeo é un lugar de encontro de moita xente e para ben ademais”.

O alcalde ribadense pide “a comprensión de todos, sabemos que hai xente que quere a festa rachada e troula, e a nós tamén nos encanta, pero tamén queremos que haxa outra xente que poida descansar, que seguramente teña que seguir traballando, e queremos que se concilien os horarios límite tanto de ruído como de música porque seguro que organizando ben a situación hai tempo para todo”.

Fernando Suárez Barcia declarou: “confiemos e supoño que así será, que as festas da patroa van ser un gran éxito e sen dúbida están poñendo o broche de ouro final a un verán histórico en Ribadeo de participación, de xente, de dinamización, de dinamismo económico, etc… e entre todos encarar ben un outono e un inverno tamén cheo de actividades e cheo de retos. Coa axuda de todos temos que enfrontalo para seguir facendo de Ribadeo un lugar agradable e que siga brillando con luz propia”.

Exit mobile version