Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz presenta unha moción para comprar o inmóbel de enfronte da Casa da Cultura

Foz, 22 de setembro de 2016. As nacionalistas solicitan construír neste terreo unha praza, unha zona verde e unha área de aparcamentos.

O Bloque Nacionalista Galego presentou na xornada de hoxe, coincidindo coa celebración das Comisións Informativas preparatorias do Pleno, unha moción para o seu debate urxente, na que solicita que o Pleno da Corporación acorde a compra do inmóbel situado na intersección da Rúa Concello de Lugo e da Rúa Antón Vilar Ponte que vén de poñer á venda o SAREB co fin de destinalo a usos dotacionais e de aparcamentos.

As nacionalistas, segundo indican as súas concelleiras en Foz, “xa recollíamos no programa electoral co que acudimos ás pasadas eleccións municipais unha proposta na que demandabamos que o Concello de Foz procedese a adquisición deste inmóbel situado fronte á Casa da Cultura. Na mesma liña, coincidindo co debate do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobouse unha alegación do noso grupo no que se solicitaba a cualificación para este inmóbel dun uso dotacional e de aparcamento, aparecendo recollido deste xeito no PXOM aprobado que o Concello lle remitiu á Xunta para a súa aprobación definitiva”.

O BNG considera que “a compra deste inmóbel ten un carácter estratéxico para calquera ordenación urbanística do Concello de Foz que teña como obxectivo a humanización real do espazo da Avenida da Mariña e de Álvaro Cunqueiro, así como a dinamización económica e social desta zona da vila. A peonalización de calquera espazo require da existencia dunha reserva de prazas de aparcamento nunha zona próxima, neste sentido este inmóbel que conta con catro plantas de aparcamento soterrado que suman en total 362 prazas de parking sería fundamental para proceder á progresiva peonalización da Avenida da Mariña e da Rúa Álvaro Cunqueiro pola súa situación colindante con ambas rúas”.

Lorena Seivane e Teresa Rego lembran que “a vila e máis concretamente o centro de Foz seguen carecendo dun grande espazo dotacional a xeito de praza e de zona verde. Pensamos que este solar da Plazuela, cunha superficie de preto de 2923 metros cadrados, situado a carón das principais rúas comerciais da vila, enfronte da Casa da Cultura e a menos de 300 metros da zona do Porto, presenta unha situación axeitada para construír na súa planta a ras de rúa un parque e unha praza. Non hai dúbida que con está actuación estaríamos contribuíndo a amortiguar o déficit que ten Foz de zonas verdes, creando un grande pulmón natural no centro da vila, e tamén rematando coa ausencia dunha praza en condicións, coa que a conta a práctica totalidade das vilas galegas e mariñás e da que nós carecemos.”

O Bloque Nacionalista Galego entende que “se trata dunha proposta de sentido común, coherente coa definición urbanística que recolle o novo PXOM, hai que lembrar que no debate do mesmo a totalidade dos grupos da corporación apoiaron o carácter deste espazo como zona de aparcamento e dotacional, e tamén coa proposta de humanización do centro de Foz. Á espera de coñecer as condicións económicas que fixa o SAREB na súa opción de venda, hai que lembrar que a súa nova calificación urbanística limita o atractivo para a iniciativa privada, ao ficar limitado os usos residenciais futuros. A maiores a Corporación de Foz dispón doutras alaternativas para disuadir á iniciativa privada, como por exemplo anular a licenza concedida en 2006, por ter esta xa prescrito. Neste liña, hai que ter claro que darlle un carácter público a este inmóbel é unha decisión política que para ser efectiva precisa máis de vontade que de recursos económicos. Sexa como fora, as nacionalistas defendemos que o Concello de Foz acorde a compra deste terreo e a tal fin dote os fondos necesarios para proceder a ela”.

Exit mobile version