Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG-Nós defende as cooperativas como pedra angular do desenvolvemento e promoción dos produtos agrogandeiros na visita a Os Irmandiños

bng-visit-irmanA Mariña, 20 de setembro de 2016.Os candidatos do BNG por Lugo, Mario Outeiro e Montse Porteiro, visitaron as instalacións da cooperativa Os Irmandiños para coñecer as súas demandas e presentarlle ao Consello Reitor as principais liñas de actuación da formación nacionalista para as eleccións do 25 de setembro.

“O cooperativismo é o modelo a fomentar tamén entre as produtoras e produtores para poder transformar e xerar valor engadido dos nosos produtos”, afirmou Outeiro. “O BNG segue apostando por un verdadeiro grupo lácteo galego que permita pechar o círculo produtivo no noso País, creando riqueza e xerando unha saída para as produtoras e produtores que están sendo asfixiados polas políticas actuais”, explicou.

“A situación dos nosos gandeiros non permite perder o tempo nin facer experimentos. O goberno galego debe sentarse co sector e implicarse en mellorar a situación con compromisos reais e efectivos”, asegurou Montse Porteiro.

O BNG reiterou a súa aposta polo cooperativismo como unha fórmula social que permite reducir custes e aproveitar sinerxías e coñecemento entre a xente do sector. “Fronte a un goberno do PP que enterrou os cartos de todos nós nun invento como Alimentos Lácteos para darlle saída aos seus amigos, mentres os gandeiros quedaban sen cobrar; o BNG aposta por un medio rural no que agricultores e gandeiros se organicen e conten co apoio incondicional do goberno galego, como fixo o BNG cando tivo responsabilidades na Xunta ao tratar de que o potencial eólico tamén beneficiara ao sector agrogandeiro”, aseguraron.

Axudas públicas e control de prezos, traballo do goberno galego
Os candidatos 2 e 3 por Lugo aseguraron que o BNG aposta por aplicar selectivamente as axudas públicas aos investimentos na industria, concentrando o apoio naqueles proxectos que permitan desenvolver liñas novas e produtos de alto valor engadido, así́ como os promovidos por empresas que asinaren acordos interprofesionais.

Igualmente, no que respecta a transformación e comercialización agrarias, comprometéronse a impulsar un “sistema de fixación de prezos que resolva o problema da falta de transparencia e suavice as oscilacións e a venta a perdas que tanto prexudican aos nosos produtos”, concluíron.

Exit mobile version