Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello burelés licitará nos vindeiros días diferentes melloras en rúas e beirarrúas

Burela, 23 de setembro de 2016. O Concello licitará nos vindeiros días diferentes melloras a realizar en rúas e beirarrúas da localidade, así como o pintado da sinalización horizontal, a eliminación de barreiras arquitectónicas e a construción dos vestiarios no campo de fútbol de herba artificial da Marosa. Así o deu a coñecer o alcalde, Alfredo Llano, este venres.

O rexedor contou que “xa fixemos un percorrido por todo o concello para ver onde había máis necesidades para afrontar tres cuestións fundamentais. Unha delas é un arranxo e reposición de asfalto naquelas rúas onde sexa máis necesario, como pode ser Arcadio Pardiñas e outras que estivemos mirando. Realmente hai bastantes sitios e lugares onde actuar. Estivemos facendo unha revisión onde haxa máis necesidade, estivemos cos técnicos do Concello, e tamén de arranxar beirarrúas ou construílas porque tamén hai moita necesidade neste caso. E tamén estivemos mirando sinalizacións horizontais e eliminación de barreiras arquitectónicas”.

Alfredo Llano dixo que “xa encargamos estes proxectos e esperemos licitalos xa neste mes de setembro. A ver si pode ser para a semana que ven deixar todo listo para empezar canto antes con estas obras, que son moi importantes para o noso concello como son os asfaltados. Imos tamén intentar apurar ao máximo a construción das casetas dos vestiarios no campo de fútbol de herba artificial de A Marosa. E imos facer unha pintura integral en todas as sinalizacións viarias horizontais que hai no pobo. É importante recuperalas porque hai moitas que levan moito tempo e incluso confunden a moitos usuarios das rúas de Burela”.

O alcalde insistiu en que “imos afrontalas o antes posible. Calculo eu que entre a redacción do proxecto, que xa está moi encamiñado polo que eu sei, máis a licitación que se poida facer o antes posible para que as obras queden feitas antes de finalizar o ano”.

Alas de vida
Alfredo Llano aproveitou para convidar aos veciños e ás veciñas de Burela a participar nas carreiras Alas de Vida e nas actividades que se desenvolverán mañá durante toda a xornada. Para o alcalde “é necesario ter un nivel de solidariedade e informativo sobre as enfermidades raras. Pensamos que é unha boa ocasión para animar a todo o mundo a facer deporte e participar nas actividades que hai. Hai unha media maratón pola mañá de 21 quilómetros na que xa hai inscrita moita xente. Imos procurar que todo saia ben na organización. A xente vai ver que hai algunha rúa cortada durante catro ou cinco minutos, pero que saiban que é para favorecer o paso dos corredores polo noso concello”.

O alcalde subliñou que “é un tema moi importante e pola tarde quería animar a todo o mundo a que fose andando ou correndo desde ás catro ou catro e media saíndo da praza de A Mariña, ir ata A Marosa e regresar. Todas as asociacións deportivas poden participar e nosoutros imos participar a través da nosa asociación de Pasada das Cabras, iremos e volveremos andando, outros irán correndo. Sería moi bonito que houbese moita xente participando nesa carreira solidaria que se vai facer duns 7 quilómetros pola tarde”.

Llano “animou aos organizadores e a todos os veciños de Burela a que participen nesta actividade e sobre todo que disfruten e se conciencien do que se pretende”. Todo o que se recade irá destinado á asociación Debra.

Exit mobile version