Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo crea un banco de préstamo de material técnico para persoas dependentes ou con algún tipo de discapacidade física

Mondoñedo, 9 de setembro de 2016.- O Concello de Mondoñedo ultima a posta en marcha dun banco de préstamo de material técnico para persoas dependentes ou con algún tipo de discapacidade física.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, subliña a “importancia” desta iniciativa da que se poderán beneficiar todas aquelas persoas empadroadas no municipio e que necesiten dun instrumento de apoio para mellorar a súa autonomía persoal e a súa calidade de vida.

Quen se pode beneficiar?
En concreto, a rexedora explica que poderán ser beneficiarios do material que se albergue neste banco de préstamo veciños dependentes, aqueles que sufran unha discapacidade ou mesmo os que nun momento determinado necesiten dalgún instrumento concreto dada a súa condición física (enfermidade, accidente…). Tamén se inclúen as persoas inscritas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que por necesidade sobrevida así o precisen.

O Goberno local elaborará uns baremos seguindo os criterios dos servizos sociais municipais que rexan o préstamo deste material técnico para a concesión da axuda sempre e cando a demanda supere o número de material existente. Polo de agora, o banco nace coa existencia de catro camas articuladas e progresivamente completarase con outro tipo de instrumentos.

Con este tipo de medidas e actuacións o equipo de Goberno que encabeza a popular Elena Candia segue sumando e ampliando servizos sociais, un dos piares básicos do seu Executivo.

Exit mobile version