Deste xeito, a rexedora puntualizou que “os nosos operarios comezaron xa a traballar na parroquia de Oirán e nas próximas semanas os labores de desbroce estenderanse ao resto das parroquias mindonienses”.
Candia engadiu que “temos previsto desbrozar arredor de 300 quilómetros de maleza ao longo de todas as parroquias” e salientou a importancia destas labores “moi necesarias para as zonas rurais do municipio mindoniense e que darán unha nova imaxe ao rural da localidade”. Actuacións, engade, beneficiosas para incrementar a seguridade dos peóns e dos condutores”.
A alcaldesa apuntou que con estes traballos o Goberno local “cumpre co seu compromiso de levar a cabo un plan de desbroces planificado no rural” asumido á súa chegada ao goberno da cidade mindoniense.
“Dámoslle resposta ás peticións dos veciños e veciñas que me teñen trasladado a necesidade de mellorar os camiños do rural do noso Concello, unha reclamación que compartimos desde o Goberno local”.
Limpeza das parroquias e das áreas emblemáticas do municipio
En concreto, con estas actuacións desbrozarase co tractor un total de 8,70 km en Oirán, onde xa están traballando os operarios, pero ademais procederase á limpeza de 66,50 quilómetros na parroquia de Argomoso; 7,56 km en Couboeira; 4,80 km en Figueiras San Martiño; unha superficie de 19,90 km en Lindín; 20,07 km en Masma; 8,50 km en O Carme; 55,20 km en Os Remedios; 3,30 km en San Vicente; 22,99 km en Santa María Maior; 5,40 km na parroquia de Santiago; 31,61 km en Vilamor e 3,00 km en Viloalle.
A alcaldesa indicou tamén que a brigada municipal de obras limpará a man preto de 10 hectáreas de superficie en zonas emblemáticas do rural mindoniense como a área recreativa Argomoso, o acceso á Cova do Rei Cintolo ou a área recreativa Masma, así como os accesos aos camiños na parroquia de Sasdónigas e aos distintos núcleos do rural de difícil acceso para a maquinaria.