Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo presenta o programa ‘A Chocolateira, a locomotora do emprego’ dirixido a 15 persoas desempregadas

chocolateira-ribadeoRibadeo, 12 de setembro de 2016. As Concellarías de Desevolvemento Local e Mocidade presentaron este luns ‘A Chocolateira, a locomotora do emprego’. Trátase dun programa dirixido a 15 persoas desempregadas que estarán titorizadas durante 2 meses para co-xerar novas oportunidades de emprego desde una perspectiva optimista, creativa, innovadora, colaborativa e responsable, para promover o seu talento, acelerar a súa busca de traballo e integración laboral.

O programa está dirixido preferentemente (requisito non imprescindible) a persoas menores de 35 anos e empadroadas en Ribadeo e que ademais teñan a motivación e ganas de participar nun programa como A Chocolateira. Impartirase do 29 de setembro ao 13 de decembro na Casa da Xuventude. O proxecto foi presentado este mediodía polas edís Ana Martínez e Vanesa Yanes, e pola directora de Caixabank “La Caixa” en Ribadeo, Belén Maradona. A inscrición esta aberta ata o día 23. Seis mil euros se destinan ao proxecto, financiados aos 50% polo Concello e por La Caixa.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, manifestou que “o nome A Chocolateira, a locomotora do emprego lembra dun xeito metafórico ao vello ferrocarril que desde Vilaodriz era impulsado entre outras por esta máquina ruidosa que enchía de forza as vías de ferrocarril hoxe inactivas. É un programa de innovación social onde a busca de emprego cobra un novo sentido traballando no desenvolvemento integral dos profesionais e partindo das novas competencias laborais que se precisa no noso mercado actual”.

A edil nacionalista dixo que “é un programa lanzadeira, innovador dentro das súas metodoloxías na nosa contorna, e está dirixido a quince profesionais en busca activa de emprego dende unha dimensión individual e colectiva. Quere facer fincapé nos procesos xerando un ecosistema de colaboración entre as persoas e ha de ser motivador e ao mesmo tempo optimista”.

Ana Martínez subliñou que “as administracións temos unha labor que eu penso que hoxe en día está a pasar en certa medida desapercibida, que é a capacidade de impulsar procesos e de facilitar tamén a motivación e a innovación. O concello de Ribadeo desde as Concellerías de Mocidade e Desenvolvemento Local queren captar esta situación poñendo en marcha A Chocolateira, un proxecto que conta coa colaboración económica de La Caixa, financiando unha importante parte e a quen quero agradecer na persoa de Belén Maradona, directora da oficina de Caixabank de Ribadeo. Quero subliñar que en La Caixa desde o mesmo momento no que presentamos o proxecto nos deron o si inmediato porque creo que eles mesmos tamén entenden a necesidade de afondar e traballar desde esta perspectiva”.

A concelleira ribadense engadiu que “os participantes traballarán de xeito colectivo facendo fincapé na importancia do traballo en equipo, creando unha rede profesional con valor onde compartir coñecemento e acción porque é importante para xerar as oportunidades laborais. Queremos que as persoas sexan capaces de construírse e reconstruírse neste marco laboral e social tan variante que temos agora mesmo”.

Martínez contou que “dentro do que é a clave do proxecto as persoas e o equipo son a parte activa deste proceso, son protagonistas do seu propio proceso de empregabilidade, polo tanto queremos traballar no empoderamento das persoas en si mesmas. O programa debe basearse no traballo en equipo incorporando obxectivos concretos, sinxelos e na medida do posible xerar sinerxias, capacidade para a autoxestión, confianza, positivismo, creo que estes son valores importantes a reforzar neste marco social no que nos encontramos con tantas problemáticas a nivel laboral”.

A concelleira de Desenvolvemento Local precisou que “o contido do programa está dirixido a un equipo de quince persoas, terá unha duración de dous meses, comezará o 29 de setembro e durará ata o 13 de decembro. Será gratuíto para os participantes. Haberá un proceso de selección, o prazo para inscribirse comeza este mesmo luns e estará aberto ata o día 23 deste mes. As instancias para inscribirse poden atoparse na páxina web achocolateira.ribadeo.gal e deben entregarse no propio rexistro do Concello. Deberán ir acompañadas do DNI dos solicitantes xunto coa documentación necesaria para acreditar os requisitos mínimos e outros méritos que se van valorar para a selección deste proxecto”. E engadiu: “tamén entendemos que é importante, pois falamos dun proxecto motivador e de traballo en equipo, unha carta de motivación de porqué as persoas queren facer este curso, o interese e os motivos para participar. A páxina web a partir de hoxe mesmo estará activa e calquera dúbida que a xente queira presentarnos pode facelo no propio Concello ou no número de teléfono 982 128 650”.

Exit mobile version