Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello executa obras de mellora no saneamento de San Cibrao cun investimento de 54.000 euros

Cervo, 21 de setembro de 2016. O Concello de Cervo executa obras de mellora no saneamento de San Cibrao cun investimento de 54.000 euros de fondos municipais.

O alcalde, Alfonso Villares, explicou que “empezamos unhas obras no saneamento de San Cibrao. Trátase en concreto de traballos de reparación no emisario e tamén na estación de bombeo, que está situados na praia de Cubelas. Son unhas instalacións que están xa desde que foi construído o saneamento de San Ciprián, polo tanto falamos dunha infraestrutura de case 40 anos, pero que aínda está en funcionamento porque se trata dunha zona de aliviadoiro necesaria no caso de que o novo saneamento, que está situado no polígono de Cuíña, non puidera funcionar. Sempre ten que existir un aliviadoiro e trátase desta zona na que estamos a actuar agora mesmo. A inversión é importante, de 54.000 euros, e este diñeiro é financiado única e exclusivamente con fondos do Concello de Cervo”.

O rexedor municipal engadiu que “ao longo deste ano son moitos os fondos, ben sexan municipais ou a través doutras administracións, que estamos dispoñendo para os saneamentos, non soamente en San Cibrao senón tamén nas nosas zonas rurais. Eu creo que todo o mundo entende perfectamente que non todas as obras se poden facer ao mesmo tempo e pouco a pouco estamos a acometelas en función tamén de certas prioridades e necesidades. Agora mesmo o que toca nesta época do ano, unha vez que pasou o verán, é acometer esta obra de reparación do emisario de San Cibrao e tamén da estación de bombeo que está na zona de Cubelas”.

Alfonso Villares rematou comentando: “seguimos investindo en servizos fundamentais e básicos para os nosos veciños, como é o saneamento”.

Exit mobile version