Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello ofrece á Consellería un local para os traballadores do xulgado de paz de Ribadeo

Ribadeo, 21 de setembro de 2016. O alcalde, Fernando Suárez, ven de dirixirlle unha carta ao vicepresidente da Xunta en funcións “atenta e cordial” sobre a situación na que se atopa o xulgado de paz de Ribadeo desde hai décadas. O rexedor insiste en que é precisa unha reforma estrutural do inmoble e que iso é competencia da administración autonómica e do Estado. O alcalde ofrécelle á Xunta de xeito transitorio e totalmente gratis un edificio municipal para que os traballadores do xulgado de paz de Ribadeo poidan desenvolver a súa labor da mellor forma posible. Trátase da antiga oficina de turismo.

Suárez Barcia contou que “no día de hoxe enviámoslle unha atenta e cordial misiva ao vicepresidente en funcións da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a situación do xulgado de paz de Ribadeo. Este edificio no que a remodelación estrutural de todo el, dado que está nunha situación bastante mala non dende hai anos senón dende hai décadas, ascende a uns 190.000 euros segundo o proxecto que redactaron os técnicos municipais, pero a Xunta de Galicia soamente está disposta a poñer 26.000 pírricos euros”.

O rexedor dixo que “desde o Concello de Ribadeo fixemos todas as xestións posibles para que a Deputación tamén nos botara unha man. Pero hai que ser xustos e a Deputación hai poucos días acaba de poñer enriba da mesa outros 500.000 euros para achegar ao máis de 1.800.000 euros que puxera inicialmente para a residencia de maiores de Ribadeo, porque a Xunta finalmente e desgraciadamente non fixo efectivo o seu compromiso para a residencia. Polo tanto xunto a esta achega que agora fai a Deputación e outras que leva facendo durante todo o ano, coido que pouco máis lle podemos esixir por esta anualidade a esta institución provincial”.

O alcalde manifestou: “e se ben o edificio do xulgado de paz é de titularidade municipal, as competencias en xustiza, sobre todo despois da modificación da lei do Estado 27/2013 de réxime local que di que as competencias en xustiza non son dos concellos senón da comunidade autónoma ou do Estado. Polo tanto parece pouco menos que un insulto que dunha maneira absolutamente discrecional soamente poidan dar 26.000 euros en materia de pintura, algo de calefacción e pouco máis cando o que se necesita é unha rehabilitación estrutural”.

Para Suárez Barcia “hai que ter en conta que a vixente lei de demarcación en planta xudicial outorga tamén ao Ministerio de Xustiza do Estado as competencias e os medios para poder axudar. E tamén nesta misiva lle indico ao vicepresidente, dado que eu fixen as xestións oportunas diante da Deputación, se el fixo o mesmo co goberno do Estado porque seguramente aí el había ter máis mao da que poidamos ter nós desde o punto de vista político”.

O rexedor subliñou: “pero como non quero que isto quede nunha rifa absolutamente política e como teño en conta os escritos que os sindicatos dos funcionarios autonómicos que traballan no xulgado de paz nos están mandando tanto á Xunta como ao Concello, desde o Concello de Ribadeo non queremos ser obstáculo ningún para garantir un entorno de traballo digno e minimamente confortable para estes funcionarios autonómicos. Polo que se os técnicos da Consellería de Xustiza estiman que estes traballadores non deben estar por máis tempo nesas condicións, desde o Concello ofrecemos de xeito transitorio e en tanto non se nos garanta maior cofinanciamento para levar a cabo a obra, un local municipal para seren trasladados con urxencia”.

Fernando Suárez engadiu que “este espazo municipal que se propón de xeito gratuíto para a Xunta, que ademais é céntrico para os veciños e as veciñas e conta cunha inmellorable accesibilidade, é nin máis nin menos que a antiga Oficina de Turismo localizada no Parque de San Francisco. Todo isto loxicamente sen prexuízo de que a Xunta os poida tamén transitoriamente reubicar noutras dependencias da súa titularidade nesta vila”.

O alcalde finaliza a misiva “aberta e cordial como todo o que facemos aquí en Ribadeo, e queremos deixar ben claro o noso compromiso económico do Concello para chegar a unha solución satisfactoria a este problema que se arrastra desde hai lustros, pero que agora coa recente reforma da lei de bases de réxime local os Concellos non posuímos competencias en materia de xustiza, polo que non é precisamente de xustiza que teñamos que afrontar a práctica totalidade do seu arranxo. Esperamos contestación e a nosa man tendida nesta e noutras cousas coma sempre”.

Exit mobile version