Site icon Crónica3.com A Mariña

Con pólvora e magnolias. O día en que os veciños quedaron na casa

Asemella que esta semana, postos a opinar, resulta estritamente necesario pronunciarse con respecto ó proceso electoral autonómico que tivo lugar o pasado domingo 25; de xeito precedente ó peche das furnas, e despois das reaccións en quente, comeza a xermolar o epírito reflexivo co obxecto de dar resposta ás interrogantes que xorden.

Tantas explicacións como pareceres e, sen dúbida, esta non deixa de ser outra máis; pero o importante, penso, é rearmar ideoloxicamente ó electorado polo que entendo que é imprescindible a análise; Aí vai a miña:

a) As “esquerdas”
Sempre se imputou como causa plausible dos exiguos resultados acadados polos partidos auto denominados de esquerdas a fragmentación do voto derivada da pluralidade; a esquerda é heteroxénea fronte á dereita de estrutura uniforme.

Non concordo; unha cousa é o sano debate ideolóxico e outra, moi distinta, constitúe o odio profundo, a animadversión, que se profesan entre si as distintas forzas integradoras desta tendencia. Incapaces de establecer denominadores comúns, de antepor o colectivo ó persoal.

A falta de autocrítica a arrogancia e superioridade moral dos partidos vencellados a esta liña ideolóxica afástaos da xente. Asumen que a consecuencia da debacle deriva en rasgos sociolóxicos como a alienación, a ignorancia da xente, o servilismo… Aínda asumindo algunha das súas queixas neste senso o que queda de manifesto é a incapcidade de artellar un proxecto emancipador, desalienador, transversal.

b) O voto do “menos malo”
Coido que o recente resultado electoral é manifestamente o voto do conformismo, o do menos malo; penso que dita afirmación é dificilmente discutible cando, poñendo os datos da xestión da actual executiva sobre a mesa, a xente decide respaldala de novo:

Falamos do problema do desemprego, da xestión das antigas caixas de aforros, do empobrecemento e depauperación dos servizos públicos, da incapacidade para solventar antigas problemáticas coma as dos sectores agrarios ou pesqueiros, da corrupción estrutural que percorre ó partido do goberno…

Mil e unha razóns que fan que cando os cidadáns non son capaces de atopar propostas rexeneradoras (na esquerda o una propia dereita) teñamos que falar indubitadamente do voto do medo, do voto do malo coñecido.

c) A metade dos veciños que non foron votar.
Na nosa comarca contamos co dato de que dos 67.000 veciños censados acudiron tan só a metade a prestar o seu voto.

Dita circunstancia é obxecto de debate, entendendo como unha actitude pouco comprometida a renuncia ó seu dereito.

Baixo a perspectiva persoal deste narrador penso que é máis responsable aquel que, no pensamento sosegado e reflexión, decide non votar que aqueles que o fan por inercia ou por obriga.

Postos a pensar polo resto poderíamos concluír que se debe ir sempre e, ademais, votar á “opción correcta”.

Ven a colación aquel libro de Saramago, o Ensaio sobre a lucidez, un experimento sociolóxico onde a maior parte dos habitantes dunha cidade sen nome deciden de xeito espontáneo e sen acordo previo votar en branco. Centos de milleiros de persoas de todas as idades, ideoloxías e condicións, deciden manifestar o desencanto hacia os partidos políticos e hacia a política votando en branco…

Pablo Álvarez Ramos.

Exit mobile version