Lourenzá, 3 de setembro de 2016.- O Grupo Municipal do PP de Lourenzá acusa á alcaldesa, a socialista Rocío López, de desmantelar os servizos públicos do Concello ao reducir o horario de apertura da gardería municipal. Así, os populares denuncian que a rexedora “a golpe de decreto” decida pechar o Punto de Atención á Infancia (PAI) Meniños ás cinco da tarde, cando o servizo se viña prestando de xeito continuado ata as oito do serán.
A voceira do Grupo Municipal do PP, Emma Álvarez, explica que durante o seu mandato o PAI tiña un horario de atención continuado aos nenos e nenas de oito da mañá a oito da tarde. Agora, os socialistas deciden de xeito unilateral abrir máis tarde, ás oito e media, e pechar tres horas antes, ás cinco da tarde, sen atender as demandas dos pais.
Os populares rexeitan este recorte que a rexedora vén de facer no servizo municipal e aseguran que defenderán que o centro peche ás oito da tarde, como así se fixo durante o mandato do PP, “mentres haxa unha soa familia que así o solicite”.
De feito, os populares explican que teñen recibido queixas non só de usuarios de Lourenzá senón de pais de fóra da localidade, de concellos limítrofes, interesados no servizo de gardería que xa teñen desistido tras coñecer os novos horarios. A voceira do PP descoñece os motivos que levan ao equipo de Goberno a tomar esta determinación “que non vai supor aforro algún para as arcas municipais” e que só demostra unha actitude déspota e incomprensible por parte da alcaldesa”.
Desde o PP recordan ademais que o regulamento recolle que a apertura das instalacións debe ser de oito a oito e, aínda que tamén se indica que dependerá da demanda, os populares afirman que “existen familias interesadas en deixar aos seus fillos na gardería pasadas as cinco da tarde”.