Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno de Cervo abordará a encomenda de xestión para a prestación do servizo de atención temperá

Cervo, 27 de setembro de 2016. O pleno da corporación municipal de Cervo tratará este xoves, día 29, a aprobación da encomenda de xestión para a prestación do servizo de atención temperá.

O alcalde, Alfonso Villares, anunciou hoxe que “desde o Concello de Cervo temos convocada unha sesión ordinaria do pleno desta corporación que vai ter lugar este próximo xoves a partir das oito da tarde. Neste pleno o único punto a tratar, ao marxe da aprobación das actas de sesións anteriores, é a aprobación por parte da corporación da encomenda de xestión para a prestación do servizo de atención temperá, que está radicado en Burela e que está integrado dentro da rede galega de atención temperá”.

O rexedor municipal explicou que “é un destes servizos fundamentais que Cervo leva tendo durante todos estes últimos anos. Trátase dun servizo no que se presta a atención a aqueles nenos de 0 a 6 anos que teñen algún trastorno no seu desenvolvemento, tanto deles ou que poidan vir derivados da súa familia. A rede galega de atención temperá o que fai é coordinar distintos servizos por parte de educación, do sistema de sanidade e dos servizos sociais. Eu creo que a coordinación deste tres departamentos da Xunta de Galicia é fundamental para levar adiante a prestación deste servizo para nenos con idades de 0 a 6 anos. Cervo leva téndoo durante estes anos pasados e vai seguir con el no futuro; para isto realizamos esta encomenda de xestión que imos aprobar na sesión plenaria deste xoves”.

Exit mobile version