Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela satisfeito de que as obras do acceso ó Porto entren na recta final

pp-bur-portBurela, a 10 de setembro de 2016.- O Partido Popular de Burela mostrou a súa satisfacción porque as obras do acceso ó Porto entren na súa recta final, logo de realizadas as probas de carga da ponte que soportará o paso do ferrocarril. Os populares consideran que “esta obra, pola que tanto se traballou, vai supor un cambio na fisonomía da vila e unha modificación sen precedentes do tráfico rodado” A obra foi adxudicada en algo máis de seis millóns e medio de euros.

No PP local “temos claro que sen a aposta decidida do goberno de Alberto Núñez Feijoo esta obra non sería posible. Lembramos que foi o goberno Feijoo quen fixo un novo proxecto constructivo e quen consignou os cartos necesarios para levalo a cabo. Polo tanto, entendemos que é de xusticia recoñecerlle o mérito a quen apostou por esta obra nun momento económico complexo e nada doado”.

Igualmente, “temos que lembrar que esta obra non sería posible sen un Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), documento que aprobou o anterior goberno municipal do PP co voto en contra dos grupos da oposición: o proxecto está recollido na súa totalidade, hasta o máis mínimo detalle, no PXOM, de tal xeito, que, por exemplo, queda fixado un entronque coa malla urbana a uns douscentos metros do seu remate, na zona da Limosa”, indican os populares.

Finalmente, desde o PP de Burela afirman que “ainda non hai moitas semanas algún corifeo socialista andaba polos bares da vila sementando dúbidas sobre se a obra se remataba ou non: aqueles que nada fixeron por esta obra, deberían cando menos ser respectuosos co proceso constructivo da mesma”.

Exit mobile version