O candidato lucense do PSdeG-PSOE, Luis Álvarez, censurou a falta de implicación do Goberno Feijóo “para a mellora das infraestruturas da comarca, facendo investimentos irrelevantes na suposta ampliación do Hospital da Costa, e trampeando co anuncio electoralista do funcionamento do primeiro tramo da Vía de Alta Capacidade”. Ademais, preguntou sobre a residencia de Cervo, rematada no ano 2011 e aínda sen poñer en funcionamento cinco anos despois.
“O magno xestor Alberto Núñez Feijóo leva moitos anos facendo promesas á veciñanza da Mariña, mentira tras mentira, engano tras engano”, así foi como definiu a situación o voceiro socialista en Cervo, Francisco Urbano. “Se fora pola súa palabra, despois das últimas eleccións a VAC xa tiña que estar en funcionamento, polo que dubidamos moito que agora vaia a definitiva, tan só pensan en nós cun fin electoral”, comentou. A propósito do hospital, explicou que “aprobaron un plan director asignando unha pequena partida que non chega nin ao 2% do que se precisa para a súa ampliación, porque o único que lles preocupa é poñer catro máquinas para facer ver que algo se move”. Baixo o seu criterio, o mesmo levan feito coa residencia, “motivos máis que suficientes para que todos os cidadáns reclamen o que lles pertence e mostren a súa indignación”, rematou.