Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE pon fin á campaña asegurando que “o domingo rematarán estes oito anos perdidos para a provincia de Lugo se enchemos a urnas de votos socialistas”

Lugo, 8 de setembro de 2016.- O último día de campaña serviu para que os socialistas de Lugo fixeran balance non só destes quince días, senón dos últimos oito anos de mandato popular “do señor Feijóo, un xestor pésimo para Galicia que fixo moito dano coas súas políticas á provincia de Lugo”. O candidato lucense do PSdeG-PSOE, Luis Álvarez, fixo un exercicio propio dun docente para avaliar en que medida repercutiron as políticas, ou a súa ausencia, na provincia de Lugo e tamén na propia cidade, “por puro defecto profesional, e porque non se pode facer caso omiso á rendición de contas, preséntolle un exame con dez puntos a Feijóo, que suspende cunha media de cero”.

Entre as súas reprobacións destacaron “un cero de cara ao sector pesqueiro, outro para a ausencia de políticas públicas a base de privatizacións, para as promesas de fume no que atinxe ás infraestruturas, á sanidade… e en definitiva, un cero para a xestión de Feijóo coa provincia de Lugo”. Animou aos lucenses “que sufriron políticas inxustas que non queden na casa e que transformen a súa resignación en votos”, engadindo que “o domingo se abre unha fiestra de esperanza para todas e todos”.

Do mesmo xeito, fixo un chamamento “a todos aqueles que se consideren progresistas, que queran un cambio para mellorar a vida de todos os galegos e galegas” para pedir a confianza no seu partido “ e reverter as políticas que tan só “se poderán mudar se hai un goberno liderado polo PSdeG”, concluíu.

Exit mobile version