Site icon Crónica3.com A Mariña

“Positiva” Semana Europea da Mobilidade en Burela

Burela, 23 de setembro de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha valoración moi positiva da Semana Europea da Mobilidade, que concluía onte. O rexedor destacou a participación e o gran programa de actividades desenvolvido co obxectivo de concienciar á poboación da importancia de conservar o noso entorno natural, contaminando menos, camiñando máis e empregando tamén máis a bicicleta.

O alcalde declarou: “acaba de rematar a Semana da Mobilidade en Burela. Hai que ter presente que foi unha das semanas máis efectivas, máis valoradas e mellor organizadas que houbo ata o de agora en todas as edicións que se fixeron cunha grande cantidade de actividades. Nesta Semana da Mobilidade que ven sendo coa que se fai en Vigo a única que se leva adiante durante unha semana completa en Galicia, Burela contou cunha grande cantidade de xente dunha forma activa, uns colaborando, outros participando e desde logo todo o pobo vendo as diferentes actividades que se foron desenvolvendo en toda esta semana”.

Para Llano “esta programación de actividades é unha cousa moi positiva, aquí houbo por exemplo o domingo que tivemos pechada unha rúa e practicamente ocupadas as dúas prazas, onde se fixeron moitas actividades, todas elas ligadas a unha razón de ser que é procurar sacar beneficio de todas elas pensando sempre no medio ambiente, na mellor forma de sacar rendemento aos vehículos, na mellor maneira de dar unha visión do que é un pobo como Burela en canto á mobilidade, ao medio ambiente, á seguridade vial, a favorecer o andar, facer deporte e aproveitar esa circunstancia da proximidade sen ter que empregar tanto o coche”.

O rexedor contou que “aquí as diferentes actividades foron orientadas moitas a escolares para que tivesen unha visión clara do que é a seguridade vial, para qué serven os sinais, cómo se poden manexar nas estradas con toda seguridade e procurar ir andando aos sitios ou ben levando unha bicicleta, que por un lado che fai moverte e despois evitas contaminar. Houbo moita actividade e estivo ocupado todo o pobo dunha maneira ou doutra de tal modo que non ía soamente enfocado aos habitantes de Burela senón que estaba tamén pensado para que outra xente se puidera achegar e dar facilidades para que viñeran a Burela”.

Para Alfredo Llano “houbo outro tema importante ao que asistiu bastante xente, tíñamos vehículos híbridos cos que se fixeron probas e estimulábase o coñecemento de ver a vantaxe destes coches en canto a consumo e mantemento. Penso que iso tamén tivo bastante aceptación. Houbo diferentes xogos para todas as idades de tal maneira que quen quixo participar puido facelo. E houbo unha cuestión moi importante para min que foi a integración nesta Semana da Mobilidade de moitas asociacións e colectivos de Burela, que participaron dun xeito desinteresado e moi activo en todas as actividades que tivemos”.

O alcalde fixo unha valoración moi positiva da Semana Europea da Mobilidade: “agora imos mirar posibilidades. Para o ano que ven xa se está pensando en afondar un pouco máis nos temas, facer máis percorridos, abarcar un pouco máis no aspecto do noso concello e aportar o máximo posible á cidadanía para que a forma de moverse sexa cada vez máis humana e teña máis repercusión para unha vida mellor de todos os habitantes do noso concello”.
Llano volveu felicitar á concelleira de Medio Ambiente, Noelia María Ben, pola organización da intensa axenda desenvolvida ao longo dos últimos días “e dar as grazas tamén a todos os colaborades, aos participantes e a todos os veciños de Burela que dunha maneira ou outra souberon aproveitar esta Semana da Mobilidade”.

Pola súa banda, Noelia Mª Ben, lembrou que a SEM “pretende sensibilizar á poboación da necesidade de utilizar menos o vehículo privado, e optar por medios de transporte máis sostibles. Nesta edición pretendeuse mostrar o impacto positivo que unha mobilidade intelixente pode ter sobre a economía e concienciar aos cidadáns sobre como a mobilidade intelixente e sostible presenta unha serie de beneficios tanto sociais e ambientais coma económicos que repercuten no benestar da sociedade”.

A concelleira de Medio Ambiente destacou que “dende a miña Delegación fíxose un esforzo enorme para poder ofertar una semana de actividades variadas e de interese para todos os públicos: curso de condución eficiente para adultos, circuíto de educación vial móbil para os máis peques, inchables, contacontos, actuacións musicais, charlas, karaoke, taller de cociña infantil, xogos populares….Dende aquí quero agradecer a todos os participantes nas actividades desenvolvida ao longo da semana a súa participación, xa que este ano notouse un considerable aumento de asistentes. Tamén quero agradecer a todos os colaboradores a súa impagable aportación: Oh Cakes Factory, Disco Karaoke Estrella, Porta Norte Ximnasia Rítmica, Escola de Baile Goldance, Mulleres en Igualdade, AFAN, Clube Ciclista de Burela, Asociación de Xadrez Reyes y Peones, C.D. Burela F.S., Coral Polifónica de Burela, As Encaixeiras, Grupo da profesora Mari Luz, Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, Altair, Ledicia, Os Asadores, Arume, BatukoTabanca e DXT. E como non, aos traballadores do Concello e á Policía Local de Burela que fixeron posible levar a cabo una intensa semana de actividades, xa que sen eles sería imposible”.

Exit mobile version