Non nos consta que Cunqueiro manifestase tal extremo, aínda que temos a sensación de que foi así. O que sí lle escoitamos foi: “para un mindoniense coma mín, o seu mar é o mar de Foz”. Era o ano 1962 cando o ques uscribe, por un casual, asistía á tertulia que a cotío celebraba un grupo de xornalistas e homes de letras na histórica taberna de “Elixio”, de Vigo, onde o autor de “Merlín e Familia” exercía o xornalismo e foi alí onde o admirado escritor pronunciou esas verbas das que por avatares da vida fumos testemuña e que tan gratamente nos chegaron ós ouvidos. SÍ temos lido e escoitado en ocasións á tamén mindoniense, Marina Mayoral ,expresarse en idéntico sentido.
Acabamos de ler o fermoso libro de memorias que o exitoso escritor vilalbés,Agustín F. Paz , finado pouco hai titula “ O Rastro que deixamos” que inclue o relato “Primeiro Mar”, no que conta que foi en Foz onde tivo a primeira visión do hourizonte infindo, mais alá da súa espléndida chaira nativa, e o contacto coa auga mariña.
O pai de Agustín era músico e tocaba a trompeta na orquestra Mato da capital chairega, de grata lembranza para o cronista. Un domingo de 1955 actuaba, en sesión de tarde, nun salón de baile de Foz; dada a proximidade entre ambas localidades e, coidando nun regreso á casa relativamente cedo, levou consigo ó neno Agustín (8 anos) para que ollara o mar. A actuación foi no Bahía, sala por entón de actualidade na vila e a bisbarra e a descripción que o autor fai do traxecto entre èsta e o mar correspóndese coa mesma. O escritor remata o nostálxico episodio con estas verbas: “Aquel mar azul escuro; aquela auga nas miñas mans; aquel grolo salgado na boca, irán sempre na miña memoria asociada a meu pai. O mar de Foz ; o meu primeiro mar… “.
Suso Fernández.