Site icon Crónica3.com A Mariña

Remata o mércores o prazo para inscribirse no programa de busca de emprego ‘A Chocolateira’ en Ribadeo

Ribadeo, 23 de setembro de 2016. O prazo para apuntarse no programa para a busca de emprego A Chocolateira, promovido polo Concello de Ribadeo e la Caixa, remata o vindeiro mércores, día 28, e as actividades comezarán o xoves 29.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, explicou que “A Chocolateira é un programa de innovación social para a busca de emprego a través da creación dun entorno colaborativo e apoio mutuo e que busca aflorar o talento individual e grupal das persoas participantes. Con este programa o que se pretende é apoiar e afrontar a busca de traballo en equipo, reforzar as competencias e habilidades profesionais, mellorar a súa empregabilidade e así contar con novas posibilidades de inserción laboral. Neste proxecto unha persoa exercerá de coach e que coordinará e traballará con todo aquilo que sexa útil para a busca de emprego: novas técnicas para a elaboración e presentación de currículos, como afrontar entrevistas de traballo, marca persoal e dixital moi útil para diferenciarse e posicionarse no mercado laboral e tamén se realizarán mapas do mercado laboral e entrevistas con empresas”.

Ana Martínez engadiu que “dentro do programa haberá sesións de titorización individuais e colectivas adaptadas as persoas e colectivas. Traballáranse tamén habilidades hoxe moi necesarias no mercado laboral: autoestima, comunicación, creatividade, intelixencia emocional, etcétera. As persoas que participen poderán a través deste programa buscar emprego dunha maneira proactiva e traballando en equipo. Trátase dunha nova forma de enfocar a busca de emprego, tendo en conta que os sistema tradicionais teñen demostrado pouca eficacia”.

A edil destacou que “A Chocolateira asesorará a través dunha coach durante todo o proceso para que a busca de emprego sexa un éxito. A Chocolateira quere crear un entorno colaborativo e de apoio mutuo, onde podamos xerar novos coñecementos, creatividade e inspiración para a busca de traballo e xerar novas oportunidades. O programa, que é gratuíto e vai dirixido a 15 persoas, dará comezo inicialmente o 29 de setembro e rematará o 13 de decembro. Será en horario de mañá principalmente e dous días cada semana. Pódese ver máis información na paxina web do proxecto: http://achocolateira.ribadeo.gal/”.

Exit mobile version