Site icon Crónica3.com A Mariña

Veicar está a distribuír polos concellos os colectores e papeleiras adquiridas pola Mancomunidade da Mariña

A Mariña, 26 de setembro de 2016. A empresa Veicar comezou este luns a distribuír polos concellos os 420 contedores, 133 papeleiras e o resto de material adquirido pola Mancomunidade de Municipios da Mariña, segundo deu a coñecer o seu presidente, Alfredo Llano. Foron 120.000 euros de investimento, a través dunha subvención da Xunta e das achegas aportadas polos Concellos.

Llano contou que “se están a repartir todos os colectores por parte da empresa Veicar, que foi a adxudicataria de facer este encargo de distribuír os colectores tanto os verdes como os amarelos, os de vidro, os de papel e as diferentes papeleiras que xa se están a repartir por todos os concellos da Mancomunidade”.

Para Alfredo Llano “é certo que esta é unha boa oportunidade e unha boa subvención para renovar e poñer máis colectores onde fose necesario en cada un dos concellos, porque evidentemente todos eses colectores, sobre todo os vellos, teñen un forte desgaste debido ao uso que se fai con eles como é normal. Polo tanto sempre é unha preocupación económica para os diferentes concellos que conformamos a Mancomunidade e desta maneira penso eu que van saír resoltos moitos destes problemas”.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña engadiu: “a verdade é que se poidan renovar, repoñer e poñer en sitios diferentes os distintos colectores axudará desde logo a que cada concello poida seleccionar e contribuír na mellora do medio ambiente dentro das súas posibilidades ao ter un bo material”.

Exit mobile version