O catalán, procedente do FC Barcelona B, non esconde a súa emoción polo debut na Bomboneira nun termómetro do potencial laranxa con espectáculo garantido para os seareiros: “Esperamos que a afección nos acompañe; este venres comezaremos con derbi galego e o sábado cruzarémonos con Movistar ou Palma -dous partidos de luxo-. Esperamos demostrar todo o que traballamos ao longo deste mes; aos poucos imos avanzando. Esta fin de semana verase se estamos ben no nivel de competición ou se necesitamos traballar máis de cara á liga”.
“Sentinme acollido desde o primeiro momento, atopeime cómodo desde a primeira semana, ademais comparto piso con compañeiros do equipo e iso sempre favorece a fortalecer o grupo” recoñecía así Miñano a súa doada integración na dinámica mariñá, compartindo responsabilidades de momento con Álex baixo os paus: “É un porteiro da miña idade, que non coñecía persoalmente; estamos adestrando os dous bastante duro e a competencia fainos mellorar aos dous. En canto se incorpore Edu será un máis para competir; tan só queda traballar e mellorar entre todos”, concluía o 20 burelista con ganas de que o balón de Primeira comece xa a rodar.
Entradas
Para os socios/as habilitarase un único bono para os catro encontros, 10 euros/adult@ e 5 euros/menor de idade. Os non socios/as deberán adquirir unha entrada por cada xornada ao prezo de 10 euros/adult@ e 5 euros/menor de idade por día. A taquilla de Vista Alegre abrirase o venres ás 17.30 horas; os bonos/entradas tamén se poderán retirar esta tarde na sede laranxa (ata as 19.00 horas) e este venres pola mañá (ata as 14.00 horas).
Venres 30 de setembro
19.00 horas. Semifinal 1: Movistar Inter FS-Palma Futsal
21.00 horas. Semifinal 2: Pescados Rubén Burela FS-Santiago Futsal
Sábado 1 de outubro
19.00 horas. 3º e 4 POSTO: Perdedor Semifinal 1-Perdedor Semifinal 2
21.00 horas. FINAL: Gañador Semifinal 1-Gañador Semifinal 2
En directo por streaming. Os catro partidos do torneo tamén poderán seguirse en directo por streaming, coa colaboración de Pasión Media.
Convocatoria Pescados Rubén-Burela FS: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 11. Chano, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 19. Aarón, 20. Miñano, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder.