Site icon Crónica3.com A Mariña

60 persoas participan na merenda solidaria celebrada no Torreón dos Frades con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama

fraLourenzá, 20 de outubro de 2016. Unhas sesenta persoas participaron na merenda solidaria celebrada no Torreón dos Frades na tarde deste mércores con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama.

Nesta iniciativa organizada pola Concellería de Servizos Sociais participou a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, que este xoves explicou que “os asistentes compartiron unha merenda con chocolate e mantecadas. Ó longo deste acto a xente fixo os seus donativos na hucha rosa de loita contra o cancro. Os fondos recadados ascenden a un total de 500 euros, que o Concello ingresará na conta da Asociación Española Contra o Cancro”.

A rexedora municipal agradece “a colaboración de Pastelería Cabaleiros, que doou as mantecadas para este acto, e a sensibilización dos cidadáns a prol desta causa” e móstrase “contenta de que este acto tivese tanta acollida. É moi gratificante ver que e a xente se implique en causas coma esta e amose así o seu apoio con todas as vítimas que están a sufrir esta dura enfermidade”.

Rocío López tamén comentou que “no transcurso da merenda intercambiáronse moitas experiencias. Houbo un relato dunha muller que padece cancro de mama e contou a súa historia; destacou a importancia de ser positivos e de tratar o cancro con naturalidade posto que non é mais que unha enfermidade máis”.

Dende a xornada de onte dende o balcón da casa consistorial de Lourenzá pendura unha gran pancarta cun lazo rosa e un lema que di Todos somos rosa. Esta pancarta permanecerá no balcón ó longo deste mes en homenaxe a todas as persoas que están a sufrir algún tipo de cancro.

Exit mobile version