Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino anima ao profesorado a manifestarse contra a LOMCE este xoves 20 de outubro

A CIG-Ensino –membro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público- anima a todo o profesorado dos centros da Mariña a facer concentracións nos recreos deste xoves día 20 manifestando o noso rexeitamento a unha lei tan antipedagóxica, antigalega, elitista e privatizadora como é a Lomce e apoia o referendo contra as reválidas que realizará este xoves 20 de outubro nos centros de todo o país a asociación de estudantes Erguer. Na Mariña nalgún centro están pensando en facer unha votación co alumnado de ESO e Bacharelato para sondar cal é a opinión deste alumnado que vai a ser o máis prexudicado.

Xa no pasado curso puidemos ver como o profesorado e as familias berraron alto e claro que non queren LOMCE ao rexistrarse un 80% de abstención nas reválidas de 3º e 6º de Primaria. Co comezo do curso 2016-2017, a situación no ensino medio non fixo máis que agravarse: este ano o estudantado de Secundaria e Bacharelato terá que someterse tamén ás reválidas, cando a estas alturas aínda se descoñecen os criterios de avaliación e o modelo que seguirán estas probas. No caso do Bacharelato, descoñécese mesmo que materias serán obxecto de exame, xa que a LOMCE contempla que algunhas materias de 1º tamén entren nestas probas, e non só de 2º, como acontecía coa Selectividade.

Segundo a Lomce, o alumnado de 4º ESO que suspenda a reválida terá que agardar un ano para repetila ou retroceder no sistema á FP Básica (que equivale a 3º e 4º de ESO que @ alumn@ xa ten cursado), unha auténtica aberración pedagóxica. O mesmo ocorre no Bacharelato: aínda tendo aprobado o Bacharelato, suspendendo a reválida de 2º ou ben pérdese un ano para repetila ou ben faise un grao medio de FP que equivale aos cursos de bacharel. Este sistema resulta obsoleto posto que reduce o ensino a preparar unha proba que, ademais de decidir unilateralmente o futuro profesional d@s estudantes, é subxectiva e realizada por empresas alleas á propia Consellaría de Educación.

Ademais, a chegada da LOMCE vén parella ao cómputo da materia de Relixión para a media, á mingua de horas impartidas en galego co aumento de tempo lectivo de materias que está prohibido impartir no noso idioma ou á recentralización de competencias cara o Estado. Xunto a isto aumenta as subvencións á privada, que so uns poucos poden permitirse, mentres se reducen os presupostos na pública ou nas becas estudantís.

Exit mobile version