Site icon Crónica3.com A Mariña

A Delegación Municipal de Cultura do Concello de Burela e o Grupo de Teatro Chévere presenta o espectáculo “As fillas bravas”.

foto-chevereBurela 27-10-16. Este venres 28 de outubro, o Auditorio da Casa da Cultura de Burela, acollerá , a partir das 21:30 horas, unha representació do espectáculo “As fillas bravas” da Cía. Chévere. A entrada será de 3 euros , anticipada, e de 5 euros en taquilla.

Unha produción de Chévere , co apoio da AGADIC e da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. Chévere é unha Cía. de teatro con vintecinco anos de traxectoria. Neste tempo, converteuse nun dos grupos máis dinámicos e populares de Galicia, sorprendendo ao público non só co seu peculiar sentido do humor, senón que chegou a impoñer unha estética e un estilo propios e recoñecibles. Sempre co humor como filosofía e a risa como expresión, tratando de achegarse e interesar a un público amplo e plural.

“As fillas bravas” son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.

Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero para sensibilizar á sociedade frente á violencia machista e as desigualdades entre homes e mulleres. Dáse continuidade así a traballos anteriores que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), ou promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas(I´ll be watching you) . Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

As Fillas Bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade , as relacións de xénero e os roles de muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade de século XIX.

As músicas usadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia. Entre eles, “Pandeiretada” gravada no primeiro disco de Radio Cos e “Danza de Cerdeira” , gravada no primeiro disco de Leilía.

Exit mobile version