Ribadeo, 18 de outubro de 2016.- ADEGA e Mariña Patrimonio dámoslles os parabéns a todas as persoas e a todos os colectivos que se moveron na procura dunha solución que evitase a desaparición do xacemento arqueolóxico do forno romano de Esteiro, afectado gravemente tralos temporais de marzo de 2014.
Debido a esta insólita negación da realidade, oito colectivos culturais (Mariñapatrimonio, ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira e a Irmandade de Santo Estevo) xuntamos esforzos para promover voluntariamente a necesaria intervención arqueolóxica, polo que contactamos cun grupo de arqueólogos que elaboraron un proxecto de escavación. Porén, unha vez máis, alguén desde Patrimonio decidiu boicotear unha acaída solución para o xacemento de Esteiro ao poñer como condición sine qua non a construción dun dique que protexese o xacemento das crecidas do mar. O elevado custe que supoñía a construción do “imprescindible” dique obrigounos a renunciar á mencionada escavación. Curiosamente, esta infraestrutura non foi necesaria para a escavación executada recentemente pola Xunta.
Malia todo, dámoslle tamén os parabéns á Dirección Xeral de Patrimonio por ter reconducido esta absurda situación e por ter asumido a intervención arqueolóxica que achegou novos datos do xacemento, permitindo documentar as estruturas do forno e conseguindo rescatar centos de fragmentos cerámicos cuxa existencia, nun principio, negaba o Servizo de Patrimonio de Lugo.
As persoas que hoxe se acheguen ao sitio arqueolóxico comprobarán que o forno de Esteiro quedou novamente tapado e que non foi imprescindible construír o dique de protección que a nós se nos esixía con tanto celo. Sospeitamos que a finalidade da incondicional construción do dique non era a de frear o mar, senón a de frear a cidadanía que se move en defensa do patrimonio común.