Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste 300.000 euros na contratación de 50 persoas desempregadas na Mariña

Lugo, 26 de outubro de 2016.- A Xunta de Galicia, a través do programa Aprol Rural, inviste 300.000 euros na contratación de persoas desempregadas nos concellos da Mariña cunha poboación inferior aos 10.000 habitantes.

Así, 50 persoas veranse beneficiadas desta axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que lles permitirá firmar un contrato no que terán como cometido a realización de obras de interese xeral e social como o acondicionamento de espazos municipais, a conservación e mantemento de edificios, a protección e mantemento de espazos naturais ou a limpeza e recollida de lixo, entre outros traballos.

Entre os beneficiarios están persoas de diversas categorías profesionais e con diferente cualificación: xardineiros, conserxes, auxiliares de administrativo, electricistas, peóns, albaneis, condutores ou axudantes de pintor.

A Xunta concedeu a subvención a todos os concellos que a solicitaron e que cumpren os requisitos, que no caso da Mariña son: Cervo, Xove, Ourol, Trabada, Alfoz, O Vicedo, Barreiros, Burela, A Pontenova, O Valadouro, Ribadeo e Lourenzá.

A liña de axudas Aprol rural pretende ser unha ferramenta para mellorar a empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas naquelas áreas con menor poboación e con menos oportunidades laborais; contribuíndo así a fomentar a creación de emprego de calidade e a mellora da cualificación e a inserción laboral.
Así mesmo, permitirá a dinamización e a xeración de novas actividades no medio local e rural onde se desenvolva o traballo.

Exit mobile version