Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste en 2016 máis de 27 millóns de euros para impulsar as estruturas e infraestruturas rurais

A Xunta destina este ano un total de 27,1 millóns de euros a impulsar as estruturas e infraestruturas rurais, co fin de potenciar as explotacións e mellorar a calidade de vida no agro galego. O Consello do Goberno galego avaliou hoxe un informe da Consellería do Medio Rural que resume todas estas actuacións.

A meirande parte dos fondos (23,4 millóns de euros) corresponden ao Plan de reestruturación parcelaria 2016. Ao rematar este ano estarán concentradas unhas 21.000 hectáreas e haberá 17.838 novos propietarios. Ao longo deste exercicio ordenáronse 26 zonas, que ou ben xa están totalmente rematadas ou atópanse nas últimas fases do proceso, aquelas que permiten aos seus propietarios comezar a usar os novos predios, coa aprobación da toma de posesión.

Dentro deste plan, a maior parte dos fondos dispoñibles (17,8 millóns de euros) están destinados á execución das redes de camiños principais e secundarias, e a cantidade restante (3,2 millóns de euros) permitirá o acondicionamento de terreos, isto é, a colocación de entradas e a eliminación nas leiras de restos de muros ou desniveis que impidan a súa axeitada explotación. A maiores destas achegas, hai orzamentados outros 2,4 millóns de euros destinados a servizos técnicos que están a permitir a superación das distintas fases administrativas, como son a identificación dos propietarios, a clasificación das terras, a marcación dos predios e a preparación de toda a documentación necesaria.

Actuacións urxentes
Por outra banda, o Plan de actuacións urxentes en zonas de reestruturación, dotado con 3,7 millóns de euros, destínase á mellora da capa de rodaxe de camiños principais de reestruturación que comuniquen núcleos entre si, ou núcleos con estradas e que se encontren en malas condicións.

Con todo este investimento –máis do dobre do que se fixo en anos anteriores– realízase unha clara aposta polo sector agrario, co obxectivo de mellorar a base territorial das explotacións agrícolas e, sobre todo, das agrogandeiras.

Exit mobile version