Site icon Crónica3.com A Mariña

Achádego Teatro representa en Burela “O barco sen mariñeiro” coa colaboración das redeiras de Burela

Achádego Teatro leva “O barco sen mariñeiro” a Burela este sábado 29 de outubro a partir das 19.30 horas no auditorio municipal.

Será esta unha actuación especial porque a obra conta coa colaboración das redeiras de Burela. Esta obra é un auténtica homenaxe ás xentes do mar e ás localidades que viven de cara a él como é Burela.Trátase da última actuación con esta obra de teatro por agora na provincia de Lugo. O domingo 30 Achádego estará con esta obra no Carballiño.

O barco sen mariñeiro (todos os públicos) Foi estreada polo grupo o pasado 26 de maio do 2015 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Esta peza en tres actos, representada por primeira vez no Teatro Liceo de Bos Aires o 24 de agosto de 1945, malia ter case 70 anos, calquera podería crer que foi escrita neste mesmo momento, xa que os feitos que nela se relatan responden totalmente á problemática do mundo actual. O barco sen mariñeiro enfrontará dous mundos: o complicado das finanzas, feito de cálculo e artificio, e o mundo sinxelo dos mariñeiros, onde o home e a muller se realizan no seu traballo directo, en contacto coa natureza, que, inda que ás veces fire, é o único ambiente posible para o ser humano, ó que salva o amor. Autor: Alejandro Casona (tradución e adaptación de Achádego Teatro de La barca sin pescador) Dirección: Antón Sampaio Elenco: 11 actores e actrices.

HISTORIA DO GRUPO DE TEATRO ACHÁDEGO
Achádego nace, no ano 1988, coa montaxe A dobre historia do Doutor Valmy, de Buero Vallejo para conmemorar o día Internacional de Dereitos Humanos. . Realiza montaxes de sala como: Desaqueloutrados de Alonso de Santos, Hecyra de Terencio; Os simulados da caravilla de Manuel María; Dos arquivos do Trasno de Rafael Dieste; Á lus do candil de Anxel Fole; Maxia Vermella de Michel de Ghelderode; Chuvia de anxos sobre París de Alfonso Sastre; Aulularia de Plauto; A Tempestade de Shakespeare; A Mandrágora de Niccolò Macchiavelli; Confusión de María Balteira de Marica Campo; Unha petición de man e O Oso de Chejov: O libro de ler e desler, creación do grupo; Velaí a muller, de varias poetas; O divino sainete de Curros Enriquez, As Alegres Comadres, de Shakespeare e O barco sen mariñeiro, de Alejandro Casona. Montaxes de rúa: Os bandidos do mar, Enguedellos para o sotomundo, Antroido na Muralla, O noso é mellor, Engadindo Pedras, Os Pelúdez entre nós, Urbis, Homenaxe a Lorca, Pinto pinto gorgorinto, O tren dos tres merliños, De Mitra a Mitra e outros. Video e TV. Contos para o programa da TVG: Superamigos, O bo cidadán fai a boa cidade baseado no libro Las buenas maneras de Blanco Amor; O Irlandés Astrólogo de Luís Seoane e diversas colaboracións con Cool Films e outros. Colaboramos co Club C. Fonmiñá en varias citas da Semana de Cine de Autor.

Exit mobile version