Pouco tardaron en devolver a visita, e por xullo chegou á nosa vila, fletando un autocar,a peña “A Ulla” cun cargamento de productos do porco, e esta salutación: “A Ulla saúda ao Lar,/ o pernil aos mexilóns;/o pobo de Monterroso/ saúda á vila de Foz”!
Os tertulianos do Lar andaban por entón afanados en xuntar cartos para instalar a calefacción ó Asilo e os excursionistas deixaran un xenerso donativo a tal fin, fixándose a norma de intercambio anual, que se mantivo vixente ata que a aparición de colesterois, hipertensións,ácidos úricos e demais atrancos, comezaron a facer estragos na tropa, o que obrigou a, paseniño, ir abandonando as trincheiras; pode decirse, polo tanto que, a saborosa e leda xuntanza, finara “por prescripción facultativa”.
Naqueles encontros, de feliz recordación, nunca faltaban, no amplo repertorio, as dúas cantigas tradicionais: “Se vírades o que eu vinhe/ai!, na feira de Monterroso;/ vinche cinco xastres xuntos,/ai! da cabalo dun raposo”. E tamèn a clásica da nosa beiramar: “ O mais enxebre de Foz/ é a pena da Rapadoira;/o viño da cas Remixia/ e as nenas da Corredoira …”.
Son vivencias inesquecibles que quedan para a nostalxia. Alguen dixo que “vivir consiste en construir recordos para o futuro…”
Suso Fernández