Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos e profesores de Hostalería do IES de Foz viaxarán á rexión italiana de Basilicata cos programas “Erasmus +” e “Abrindo Oportunidades”

O IES de Foz ten concedido o proxecto Erasmus +, “Abrindo Oportunidades” para os Ciclos Medios de Hostelería do centro; Cociña e Gastronomía e Servizos de Restauración. Este proxecto consta de dúas mobilidades, a primeira delas de profesorado e a segunda de alumnado en prácticas.

Un grupo de 5 profesores desprazaranse do 16 ao 22 de outubro a Potenza (Basilicata) nunha actividade de “Job Shadowing” ou aprendizaxe por observación onde visitarán empresas relacionadas co mundo da hostelería como bodegas, restaurantes, Escolas de Hostalería, Escolas de Barman e empresas de elaboración de pasta artesanal entre outros. O profesorado, todo do departamento de Hostelería do IES de Foz, aproveitará a visita para coñecer a zona, tomar contacto co profesorado italiano da mesma familia profesional e aproveitar ó máximo estas visitas para aplicar nas súas clases no instituto. Esta actividade apoia o desenvolvemento profesional dos profesores, mellorando o nivel de aptitudes e competencias clave, impulsando melloras na calidade, excelencia na innovación e internacionalización do instituto, promovendo a concienciación dun espazo europeo de aprendizaxe, potenciando a dimensión internacional da organización e mellorando a ensinanza e aprendixaxe de linguas estranxeiras.

A finais do mes de outubro convocarase unha reunión para explicar o proxecto Erasmus + ao alumnado do centro, os requisitos para ser beneficiario, a cuantía das becas e as condicións para a realización. Un grupo de seis alumnos poderá realizar 28 días de prácticas en empresas da rexión de Basilicata.

Exit mobile version