Site icon Crónica3.com A Mariña

Ana Pontón e Olalla Rodil defenden un plan de emprego para A Mariña que inclúa a reindustrialización de Mondoñedo e a comarca

bng-marinaA Mariña, 22 de outubro de 2016. A portavoz nacional do BNG e portavoz do grupo parlamentar nacionalista, Ana Pontón e a deputada e viceportavoz parlamentar, Olalla Rodil visitaron esta tarde Mondoñedo para manter un encontro no que recoller as principais demandas das veciñas e veciños da comarca.

As nacionalistas puideron constatar a preocupación das mariñás e mariñaos polo impacto que a perda de empregos e o peche de empresas está a ter na comarca e comprometéronse a defender como unha das primeiras medidas a necesidade de poñer en marcha un plan de emprego específico para A Mariña, no que se teñan en conta as características propias e as grandes potencialidades que ten a comarca.

“As repetidas promesas do Partido Popular de creación de postos de traballo xa non teñen credibilidade ningunha e menos nesta comarca, onde a destrucción de empregos nos últimos anos foi unha constante e onde as taxas de desemprego están medrando por riba das medias da provincia, de Galiza e do Estado”, afirmou Olalla Rodil.

“Pediremos no Parlamento a elaboración e posta en marcha inmediata dun plan de emprego no que se inclúa un apartado específico de actuación para Mondoñedo e comarca, tras os continúos paus sufridos co peche de ECAR ou os despedimentos de Hermida que sempre deron lugar a promesas, pero nunca chegaron a concretarse”, explicou Ana Pontón.

Defensa de máis persoal e medios para a sanidade
As deputadas tamén anunciaron que se farán eco das demandas das veciñas e dos veciños no que respecta á asistencia sanitaria.

“A Mariña ten que recupera a súa área de xestión para poder contar con orzamentos propios e priorizar os investimentos que se precisan tanto en atención primaria como no Hospital da Costa”, asegurou Rodil.
“Non son de recibo as listas de agarda que se soportan no Hospital e mesmo nos centros de saúde. Non pode ser que as veciñas e veciños da Mariña teñan que desprazarse facer probas a hospitais de Lugo ou doutras provincias se queren axilizalas. Non é normal que as resonancias se fagan a tempo parcial e nun autobús fóra do propio hospital.

A Mariña ten entidade suficiente para contar con un Hospital que preste todos os servizos e para iso, o único que hai que ter é vontade e investir o diñeiro da ampliación en que sexa real, en espazo e en persoal, e non en construír un aparcamento que será de pago para as persoas usuarias”, declarou a portavoz nacional do BNG.
“Defenderemos que A Mariña recupere a xestión da súa sanidade e que a ampliación do hospital sexa para mellorar a atención e os servizos e non para que empresas privadas fagan caixa”, aseguraron. “O Hospital da Costa debe prestar todos os servizos e garantir a asistencia sanitaria de todas as persoas da comarca, incluído o dereito ao aborto”, afirmaron en relación aos problemas sufridos por varias mulleres en casos de necesidade de aborto en Burela.

Infraestruturas do século XXI para unha comarca dinámica
Desde o BNG seguirán insistindo na necesidade de que se repare de xeito urxente a débeda histórica que se ten coa Mariña en materia de infraestruturas. “Probablemente a comarca máis dinámica da provincia, con un peso enorme no PIB de Lugo, con uns sectores produtivos aínda vivos e puxantes, con un dinamismo demográfico inmenso e A Mariña segue coas mesmas infraestruturas que hai 40 anos”, aseguran.

“Pediremos que se remate urxentemente o tramo galego do corredor, de San Cibrao a Ferrol. Que se desatasque o problema da variante de Viveiro por medio do diálogo e o consenso coa veciñanza. Non serven anuncios electorais, o corredor ten que ser unha vía para comunicar o litoral”, afirmou a deputada nacionalista por Lugo. “Por iso o Parlamento ten que posicionarse esixindo que o goberno central execute a parte estatal de Barreiros a San Cibrao, porque son precisas estradas en condicións que soporten o peso do tráfico diario desta comarca”.

Ana Pontón manifestou que o Parlamento galego tamén ten que ter un papel activo á hora de reclamar con urxencia as medidas necesarias para a A8 “unha autovía a tempo parcial que veu crear máis problemas dos que solucionou” “Non podemos permitir que o Estado se limite a colocar radares con un clarísimo afán recaudatorio, mentras levamos dous anos agardando por solucións ao problema da néboa causado pola neglixencia e a falta de seriedade á hora de proxectar a autovía”, concluiu.

Exit mobile version