Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata sempre amigo Eyras

Hai arredor de 30 anos tiven a sorte de coñecerte Eyras, recén chegado da túa terra de adopción, do teu Cádiz que marcou unha etapa importante na túa vida. Non temos que esquecer que a túa dona e o teu fillo son daquela terra. Era para ti una volta a Galicia onde naceras para traballar na factoría de Alcoa, naquel intre Alúmina-Aluminio.

Nun xa lonxano 1987 lembro cando fuches elexido concelleiro no antigo Concello de Cervo, o que naquel intre pertenecía Burela. Por aquela época tiven contacto contigo sendo consciente dende os primeiros intres da grande persoa que fuches, traballador, amigo dos amigos, servicial e amable con todo o mundo. Foron anos de traballo conxunto e en equipo. Lembro de ti, que a pesar de non levar moitos anos na localidade, o grande coñecemento que tiñas da realidade do concello, cada bache, cada alcantarilla que non estaba en condicións, cada rotura que se producise Eyras sabía de todas elas. Lembro tamén a túa disposición sempre día e noite, ao longo das 24 horas, ás veces sen dormir e case sen comer para tentar solucionar os problemas de calquera dos cidadáns do Concello. A túa capacidade de servizo estaba por enriba das circunstancias personais, incluso colaborando ou realizando personalmete tarefas que tiña que realizar o personal ao servizo de Concello.

Seguro Eyras, que destas cualidades da túa persoa son conscientes hoxe moitos bureleses que te coñeceron ao longo destes anos na localidade. Foi, Eyras, un privilexio contar ao longo destes anos coa túa amizade, co teu aprezo e coa túa disponibilidade para o que se precisase.

Estou seguro Eyras que moitos vecinos te lembrarán durante moitos anos polas túas cualidades humanas. Estou orgulloso Eyras de ter sido o teu amigo, ten por seguro que a túa afabilidade quedarán no recordo daqueles que tivemos a sorte de coñecerte de tratarte e de compartir contigo algo tan sublime, aínda que poida que hoxe algo devaluado, coma a militancia política. Fuches un dos socialistas bos e xenerosos que aínda quedan no mundo.

J. Pedro Chao Polo.

Exit mobile version