Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela, presente nas xornadas do mar e feira comercial que se celebra en Cabo Verde

Burela, 20 de outubro de 2016. Burela e a súa Feira Expomar están presentes estes días en Cabo Verde. Alí celébranse as xornadas do mar e a súa feira comercial que leva o mesmo nome que a cita burelesa. Xunto á xerente da Fundación Expomar, Catalina Sánchez, desprazouse unha representación de empresas co fin de establecer lazos comerciais e propiciar a súa presenza na nova edición de Expomar, que terá lugar no mes de maio do 2017.

O presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, anunciou que “para o ano que ven na penúltima semana do mes de maio, imos celebrar Expomar. Xa se sabe que esta exposición con toda a maquinaria, as novidades nos barcos, as ofertas e o comercio que de aí deriva, facémola cada dous anos por tanto corresponde facela para o 2017. Entón para promocionar a nosa feira do ano 2017, nosoutros temos unha representación de Expomar agora mesmo en Cabo Verde. É unha exposición que tamén se celebra alí, é moi comercial e no seu día houbo un acordo coa Fundación Expomar de Burela para poñerlle o mesmo nome”.

Llano explicou que “están celebrando do 17 ao 23 as xornadas do mar e de debate en temas de pesca, e do 20 ao 22 ten lugar a exposición comercial coas novidades que hai para o sector marítimo. Nosoutros temos representación alí a través da nosa xerente para darnos a coñecer, tratar de buscar e contactar con persoas que queiran participar na feira Expomar do ano que ven, porque alí xúntanse moitas empresas de moitos sitios polo tanto é conveniente estar en Cabo Verde para motivar que o ano que ven poidan vir a Expomar”.

O presidente da Fundación Expomar engadiu que “tamén temos unha representación dunha serie de empresas para que se coñezan alí, para favorecerlles o camiño e dunha maneira ou doutra as relacións entre Cabo Verde e Galicia sexan boas para mellorar o noso comercio e para favorecer a pesca. Parécenos interesante estar alí representando o que é Burela, Expomar e un pouco Galicia. Esperemos que vaia ben e que isto sirva para que o ano que ven teñamos moita representación das empresas que agora mesmo están en Cabo Verde”.

Exit mobile version