Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Mar organiza actos informativos en Celeiro e Burela polo cambio nos coeficientes redutores da idade de xubilación de tripulantes das flotas do palangre e do arrastre

A dirección xeral da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Fomento, vén de modificar os coeficientes redutores da idade de xubilación, o que afectará a milleiros de mariñeiros galegos da flotas conxeladoras do palangre e do arrastre. Dende a CIG-Mar considérase que se trata do maior recorte social na historia da pesca galega polo que ten solicitado á Xunta que convoque ás patronais do sector.

A dirección xeral da Mariña Mercante modificou mediante unha orde interna os coeficientes redutores da idade de xubilación. Este cambio está a afectar a milleiros de tripulantes das flotas palangreira conxeladora e do arrastre, a maior parte deles galegos. De feito, no caso da flota palangreira, dos 131 barcos censados, un total de 119 teñen base no noso país. Na flota arrastreira conxeladora, que faenaba no banco canario-sahariano, norte de África ou Angola, as embarcacións afectadas rondan as 350. Deste xeito, a medida repercutirá sobre uns 500 barcos de zonas como A Guarda, Vigo, Marín, Ribeira e A Mariña.

A decisión de Mariña Mercante de reducir os coeficientes baséase en que estas embarcacións supostamente se dedican ao fresco e non ao conxelado. Así, o que fixo o departamento dependente de Fomento, foi introducir un novo criterio que establece que só poden considerar grandes conxeladores -e polo tanto con dereito ao maior coeficiente (0,40)- os barcos de máis de 1000 toneladas e de máis de 70 metros de eslora. Isto supón que no noso país só terían dereito a este coeficiente os tripulantes dunhas 10 embarcacións.

A CIG xa lle remitiu un escrito á conselleira de Pesca para solicitarlle que convoque ás patronais do sector para abordar esta problemática, ao tempo que non se descarta acudir aos tribunais. A CIG ten posta en marcha unha campaña informativa entre as persoas afectadas. Concretamente na Mariña terán lugar dúas asembleas informativas dirixidas a tripulantes e familiares que traballan ou traballaron na flota do arrastre conxelador e palangre de superficie. Estas celebraranse o mércores 19 deste mes. A primeira será ás 17 horas na Confraría de Pescadores de Celeiro (Viveiro) e a segunda ás 19.00 horas no Salón de Actos de ABSA nas instalacións do porto de Burela.

Exit mobile version