Ribadeo, 11 de outubro de 2016. A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo vén de iniciar o curso 2016/2017 con 338 alumnos e alumnas matriculados de entre 4 e 69 anos, a cifra máis alta dos anos que a EMMeD de Ribadeo leva en funcionamento. O claustro docente da EMMeD de Ribadeo estará formado por 14 profesores e profesoras, un por cada unha das disciplinas que oferta o centro, “o que garante que o alumnado disporá dunha atención especializada en cada un dos instrumentos ou das materias que imparte a Escola”.
Hugo García Presno, responsable da EMMeD de Ribadeo, amosou a súa “satisfacción polo alto número de persoas matriculadas o que demostra que o traballo que se está facendo dende a Escola estase percibindo como positivo por parte do alumnado que repite e mesmo anima a novas alumnas e alumnos a formar parte do centro”.
Este ano a Escola mantén boa parte das súas actividades extraescolares máis clásicas. “Os festivais de Santa Cecilia, Nadal ou fin de curso, os concertos didácticos, as audicións, a charanga, etc, queremos ir realizando actividades puntuais, que se irán dando a coñecer nos próximos meses, que deixen constancia do traballo que facemos na Escola e que permitan amosar á cidadanía o que se realiza dentro das aulas”, sinalou Hugo García.
“O máis positivo é seguir mantendo o proxecto, artellar un centro vivo no que se fomente unha educación transversal, no que as alumnas e alumnos non só aprendan conceptos musicais teóricos senón que poidan amosalos enriba do escenario, compartir experiencias con outras escolas, participar en actividades que vaian máis aló da música que axuden a integrar a igualdade, a solidariedade ou o traballo en común no día a día da EMMeD”, engadiu o responsable da EMMeD de Ribadeo.
Hugo García agradeceu o apoio tanto do “claustro da Escola como da delegación de Ensino do Concello de Ribadeo. É clave o apoio institucional para poder tirar adiante o proxecto da Escola e a súa actividade, e tamén é moi importante contar cun corpo de profesores e profesoras que crean no proxecto e que teñan vontade de levalo acabo”.