Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras para dotar de gas natural á vila de Foz

obras-gasFoz, 20 de outubro de 2016. Comezaron as obras para dotar de gas natural á vila de Foz. O investimento ascende a 165.000 euros e os traballos prolongaranse durante dous meses.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, anunciou este xoves que “empezaron no concello de Foz as obras de conexión do gasoduto á rede de gas que xa existe no noso concello”.

O rexedor municipal quere “informar a todos os veciños que durante estes dous meses haberá obras que afectarán sobre todo ao núcleo urbano, desde Vilaxoane, concretamente desde San Blas, ata as proximidades da Casa da Cultura, na praza Salgado Toimil; e despois as obras desenvolveranse desde Vilaxoane ata Río e Escanlar, que é onde está a conexión co gasoduto”.

Javier Castiñeira subliña que “esta obra que conta cun investimento de arredor de 165.000 euros engloba esa conexión coa rede que hai actualmente no concello, que dispuxo a empresa Repsol no seu momento e que proporciona gas propano licuado a moitos domicilios do noso concello. Agora substituirase este gas propano licuado por gas natural, que é moito máis eficiente, leva mellores mantementos para a caldeira e é máis económico”.

O alcalde de Foz salienta que “é unha mellora importante para os nosos domicilios, para os nosos veciños, e unha vez rematada a obra quedarán anulados os depósitos que hai nas proximidades do cemiterio municipal”.

Castiñeira quere “pedirlle aos veciños a máxima paciencia, sobre todo na entrada ao núcleo urbano, xa que as obras serán durante arredor de dous meses, pero isto redunda en mellores servizos, en que moitas empresas e domicilios melloren os seus rendementos enerxéticos e económicos, o que en definitiva é bo para o concello”.

O rexedor lembra que “outros municipios, como Ribadeo e Xove, teñen feito xa ese enganche e agora tócalle ao noso concello; e é unha obra importante. Hai que entender tamén que a obra do gasoduto foi moi positiva para A Mariña, cun investimento de preto de 30 millóns de euros e que conecta á factoría Alcoa coa rede de gas do estado e iso facilita tamén a competividade de empresas importantes como é esta”.

Exit mobile version