Site icon Crónica3.com A Mariña

Con pólvora e magnolias. Unha lágrima en Burela

Unha lágrima, un laio, un salouco, un pranto…

¿De quén?

Dos veciños, de todos nós, desa mestura heteroxénea que conforma Burela de Cabo pero, sobre todo, unha obriga moral: a de afrontar a realidade por dura que sexa e intentar sacar conclusións.

E é que do mesmo xeito que outrora tivemos motivos para festexar hoxe é día para a solidariedade e a necesaria lectura analítica.

A actualidade semanal pasa ineludiblemente polo Hospital da Costa e a condea ó Servizo Galego de Saúde pola neglixencia médica acreditada sobre unha veciña burelá; a mesma que foi ó servizo de xinecoloxía do hospital por anomalías no proceso de embarazo, a mesma que dilatou ata a semana 32, a mesma que se desprazou a Madrid para abortar nunha clínica privada e a mesma que perdeu o útero e a posibilidade de ser nai no Hospital da Paz.

Todas as circunstancias relatadas non son apreciacións subxectivas ou vingativos desexos, froito da frustración, senón feitos probados polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo.

A expensas dun eventual recurso que puidera interpor o SERGAS, polo de pronto foi condenado ó pago de 270.000 € en concepto de responsabilidade civil, e isto non porque fora o valor real dos danos –di o propio maxistrado que “non hai indemnización que os resarza”-, senón pola aplicación do principio de xustiza rogada (un tribunal nunca pode cuantificar por enriba do solicitado pola prexudicada).

A cuestión que se plantexa a continuación é, coido, que a máis importante de todas aquelas que se poidan formular a posteriori:

A neglixencia obxectivada ¿é fortuíta ou leva tras de si un tufo ideolóxico relacionado coa moralidade?

A pregunta non é malintencionada, de feito non existen preguntas malas, tan só malas intencións cando se postulan…

No ano 1985 lexislouse por primeira vez a interrupción voluntaria do embarazo establecéndose tres supostos que seguen vixentes nos nosos tempos: violación, euxenésico (grave malformación no feto) e terapéutico (risco para a saúde física ou psíquica da nai).

Do que estamos a falar no caso que nos ocupa non só é da consecuencia material representada na neglixencia senón da posible subversión á lei por razóns morais.

Se interpretamos a lei como un contrato social baseado no libre consentimento polo que as partes se obrigan o que poidera parecer unha cuestión menor (o seu incumprimento) determina a nosa condición civilizada ou salvaxe, a diferencia entre selva e sociedade.

Pablo Álvarez Ramos.

Exit mobile version