Site icon Crónica3.com A Mariña

Divermaxia aprazado ata o 11 de novembro en Foz onde programan cinema e máis maxia estes días

Foz, 13 de outubro de 2016. A actividade Divermaxia, a cargo do Mago Paco, que estaba programada para este venres en Foz aprázase para o día 11 de novembro. Pero este xoves haberá cine na Casa da Cultura focense e o sábado maxia na Sala Bahía.

A bibliotecaria municipal de Foz, María Jesús Álvarez Sánchez, explicou que “por razóns alleas á organización a actividade Divermaxia,do Mago Paco, organizada pola Biblioteca Municipal dentro do programa Ler conta moito, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, queda posposta para o día 11 de novembro ás 18:00 horas”.

Pero dentro da programación cultural de Foz mantéñense outras actividades, como a prevista para este xoves ás 20:30 horas na Casa da Cultura, que é a proxección da película Macbeth, coa entrada a un prezo de 3 euros. E o sábado, día 15, ás 18:30 horas na Sala Bahía, destinado ao público infantil, actuará o Mago Rafa, que ofrecerá o espectáculo Magicomedia. O prezo das entradas para os nenos é de 1,5 euros e os adultos deberán pagar 2,5 euros.

Ademais este venres haberá un acto solidario a favor da loita contra o cancro de mama. Será a partir das 21 horas no salón de actos do colexio Martínez Otero e contará coas actuacións da rondalla Latexos e tamén do grupo de teatro Pico de Castro, que representará a obra De vello gaiteiro. Recolleranse donativos voluntarios de 3 euros.

Exit mobile version