Site icon Crónica3.com A Mariña

Empresas e colectivos da provincia poden concorrer dende o mércores ás axudas do Ben Empregado 3

O Boletín Oficial da Provincia publicou este martes as bases e os anexos para que entidades e empresas da provincia poidan concorrer ao Ben Empregado 3, o programa dotado con 2,3 millóns de euros co que a Deputación sufraga os gastos laborais e salariais pola contratación de parados lucenses durante un ano. O prazo para presentar a documentación comeza este mércores e remata o vindeiro día 19, incluído.

Na páxina www.deputacionlugo.gal hai habilitado un espazo con toda a documentación a presentar no Rexistro Xeral da Deputación ou ben en calquera das dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Unha vez resolto este proceso, antes de finais de ano, publicaranse os perfís que demanda o tecido produtivo da provincia e abrirase outro novo prazo para a selección dos desempregados lucenses.

O Goberno da Deputación de Lugo decidiu volver convocar esta 3ª edición do programa Ben Empregado, mellorada, tras as experiencias das anteriores dúas convocatorias; cun marcado carácter social, e co que se busca, ademais de seguir xerando empregos de calidade na provincia e blindar os dereitos laborais dos traballadores, dignificalos coa incorporación de máis cláusulas sociais.

Dúas liñas de actuación
O Ben Empregado 3 contempla 2 liñas de actuación:

– Unha dirixida a empresas lucenses, ás que a Deputación ofrece subvencionar o 50% da contratación de desempregados lucenses e o 100% no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Por exemplo, cidadáns con problemas sensoriais, físicos ou psíquicos; mulleres vítimas de violencia de xénero, ex-reclusos ou veciños de etnia xitana, entre outros.

– A segunda liña de actuación está dirixida a entidades e colectivos sen ánimo de lucro. Neste caso, a Deputación subvencionará ao 100% a contratación de desempregados lucenses.

Servizo de Intermediación Laboral e financiamento de equipamento
O Ben Empregado 3 ten dúas importantes novidades. A posta en marcha, dende a Deputación, dun Servizo de Intermediación Laboral para axudar aos traballadores a integrarse nas empresas e entidades nas que sexan contratados.

A outra é que o organismo provincial sufragará o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes leven a cabo o seu traballo.

Capacidades diferentes
Ao respecto da contratación de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral a Deputación conta con máis de 300 perfís profesionais que serán trasladados ás empresas e entidades beneficiarias, co fin de facilitar a contratación destes profesionais.

Máis novidades
As subvencións a empresas e entidades serán por réxime de concorrencia competitiva. Poderán concorrer ás mesmas todas as empresas e entidades sociais da provincia, agás aquelas que se beneficiasen do Ben Empregado 1 e 2 e non contrataran finalmente aos traballadores que lles subvencionou a Deputación durante un ano.

Nesta terceira convocatoria, non se limita o número de traballadores. O que se fai é establecer un máximo de 22.000 euros de subvención por empresa ou entidade, coa que sufragar os custos laborais e salariais dos traballadores, polo que as empresas e entidades poderán contratar o número de traballadores que necesiten, respectando, sempre, os seus dereitos laborais.

Defensa dos dereitos laborais
O Goberno da Deputación decidiu incluír máis cláusulas sociais en relación ás anteriores edicións do Ben Empregado. Nesta ocasión, ademais das melloras con respecto aos convenios; valoraranse, positivamente, as propostas que impliquen contratacións indefinidas de traballadores; que inclúan medidas de conciliación, cursos de formación ou melloras no sistema produtivo. Estas cláusulas sociais incorporaranse, posteriormente e como nas anteriores convocatorias, nos contratados laborais dos traballadores.

Obrigas e máis control
As empresas e entidades beneficiadas terán a obrigación de cumprir coas cláusulas sociais. De non facelo, perderán a subvención. A Deputación establece máis medidas de control. Por exemplo, os 10 primeiros días de cada mes terán que notificar ao organismo provincial, con documentación oficial, o ingreso das nóminas aos traballadores.

Exit mobile version