Site icon Crónica3.com A Mariña

En Marea insta a Fomento a incrementar os servizos ferroviarios con orixe e destino en Lugo

Madrid, 14 de outubro de 2016. O deputado por Lugo de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, vén de presentar unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Ministerio de Fomento a aumentar os servizos ferroviarios MD con orixe e destino Lugo.

Alega Miguel Anxo Fernán Vello que “Lugo é unha das grandes prexudicadas e excluidas do mapa de melloras e modernización ferroviaria. Debe ser compensada a fin de que poida contar con maiores servizos e frecuencias cara A Coruña, Ourense e Monforte, frecuencias úteis e que cubran todas as franxas horarias, especialmente as máis demandadas polos usuarios diarios do tren”.

Fomento debe compensar a Lugo
Ademais, o deputado de En Marea demanda ao Ministerio que se estude unha programación horaria dos servizos ferroviarios axustada ás necesidades laborais, de estudo ou doutro tipo dos habitantes de Lugo, e que facilite a conexión con outros enlaces, tanto para coller trens de longa distancia como trens do Eixo”.

Outra das cuestión que o parlamentar de En Marea pón enriba da mesa é a necesidade de analizar a posiblidade de aumentar as frecuencias do Alvia directo Lugo-Madrid, polo menos para que haxa outra de tarde. En xeral, o deptuado de En Marea tenciona a Fomento para que se adopten medidas destinadas a paliar o défice que padece Lugo e todo o territorio en materia ferroviaria, compensándonos con máis servizos ferroviarios.

Considera Fernán Vello que “marxinación que sofre Lugo neste eido é manifesta, recoñecida incluso polo propio Presidente da Xunta cando en febrero pasado admitía que “era xusto mellorar as conexión ferroviarias e de AVE en Lugo”. Lembra o deputado de En Marea que a conexión de alta velocidade Ourense-Lugo ficou relegada a pesar das numerosas promesas de que se trataba dunha conexión relevante. “Os lugueses teñen que continuar agardando pola prometida conexión de tren de altas prestacións Lugo-Monforte-Ourense porque non estivo entre as prioridades”.

“Un feito que unido ás clamorosas insuficiencias no tren convencional converteron a Lugo na cidade galega máis deficitaria en servizos ferroviarios”. Na exposición de motivos da súa proposición non de lei, Fernán Vello repasa toda a táboa horaria de servizos ferroviarios MD en Lugo con A Coruña, Ourense ou Monforte, destacando a ausencia de servizos en franxas horarias importantes para os traslados.

Asemade, critica a posta en funcionamento en febrero pasado de novas conexión con Madrid pero ningunha delas beneficia a Lugo posto que son frecuencias que parten de Ourense. Lugo ten só dous servizos Alvia por día.

O deputado de En Marea empraza a Fomento a rematar coa actual discriminación que padece Lugo en materia ferroviaria, aumentando os servizos e as frecuencias.

Exit mobile version