Site icon Crónica3.com A Mariña

Encontro dos alfoceses nacidos en 1961

alfoz-61Convocados por Mari Carme Galdo, un grupo de 18 veciños das nove parroquias de Alfoz, nados no ano 1961, foron de festa o pasado sábado día 8.

É a primeira ocasión en que a xeración de 1961 organiza un encontro. O festexo comezou a forxarse no verán pasado, cando a organizadora empezou a contactar cos interesados e a tratar de facerse cos teléfonos dos que residen fóra do municipio.

Unha alfocesa desprazouse desde Ourense e un alfocés desde Xixón, sendo os que acudiron desde lugares máis afastados.

A cea tivo lugar no restaurante A Solana de Ribadeo, e constou de croquetas de verduras, polbo á prancha en salsa holandesa, arroz con lagostinos, grella de carnes variadas e mousse de turrón.

As parroquias que proporcionaron máis comensais foron Lagoa e Adelán; os participantes desprazáronse en bus desde o Bar San Pedro, na parroquia de Mor, establecemento rexentado pola organizadora.

As conversas máis recorrentes durante a cea foron as vinculadas aos tempos da escola; cómpre lembrar que na época escolar dos nados en 1961, o alumnado distribuíase en escolas unitarias, normalmente existía unha por parroquia ou mesmo dúas –para separar nenos e nenas-.

Tras a cea, todos se achegaron até un local próximo para botar uns bailes.
Unha peculiaridade deste encontro é a exclusividade, en virtude da cal, só poden participar persoas de Alfoz nacidas no ’61, polo cal, non se poden levar acompañantes (parellas, etc), agás que se dera a circunstancia de pertencer ao mesmo ano e ser natural do municipio.

O encontro, que será de carácter anual, pretende implantarse para que os alfoceses que no seu día compartiron infancia e mocidade, poidan verse, falar e intercambiar novidades.

Exit mobile version