Site icon Crónica3.com A Mariña

Finalizan as obras de mellora da estrada LU-124 ao seu paso polo casco urbano de Mondoñedo

obr-lu124Mondoñedo, 29 de outubro de 2016.- O Concello de Mondoñedo informa do remate das obras de mellora da estrada LU-124 ao seu paso polo casco urbano do municipio. En concreto, o reforzo de firme na travesía da estrada LU-124 contou cun orzamento de 154.230 euros e enmárcase no Plan Move.

Esta actuación forma parte do proxecto integral de rehabilitación do tramo urbano da vía e da adecuación e balizamento dos 7,5 km ata o enlace coa A-8, financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas cun importe de preto de 773.000 euros. O investimento permitiu tanto a rehabilitación do tramo urbano, como a adecuación e balizamento dos 7,5 km do vial ata o enlace coa A-8, así como a mellora entre Lindín e Cruz da Cancela.

A alcaldesa, Elena Candia agradece o compromiso da Xunta de Galicia coa localidade mindoniense e pon en valor a importancia destas obras “que melloran substancialmente o firme da estrada ao seu paso polo municipio, o que permite aos usuarios transitar en condicións moito máis cómodas e seguras”.

Treito urbano
As actuacións que veñen de rematar leváronse a cabo ao longo dos 1,34 quilómetros, polo que se estende esta estrada no treito urbano de Mondoñedo. E en concreto, procedeuse á rehabilitación do firme mediante o fresado e reposición nos puntos nos que resultou necesario. Así mesmo, tamén se levou a cabo a extensión dunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente, o que mellora por completo o firme do vial.

A alcaldesa subliña a importancia da execución destes traballos e destaca que “grazas a estas obras que veñen de rematar mellórase o firme desta estrada polo casco histórico de Mondoñedo, o que permite o tránsito en condicións cómodas e seguras para os veciños e veciñas da zona e dos que utilizan ese tramo para acceder á autovía do Cantábrico”. Candia salienta tamén que “a través deste tipo de actuacións, a Xunta de Galicia pretende dotar aos concellos galegos dunhas infraestruturas viarias máis seguras e confortables para os usuarios”.

Exit mobile version