Site icon Crónica3.com A Mariña

Galipizza Viveiro 31-27 Campus Ourense

O Balonmán Galipizza Viveiro comezou a competición ligueira cun triunfo diante do Campus Ourense: 31-27. Os pupilos de Javi Villares dominaron o partido de principio e fin e firmaron a sexta vitoria consecutiva desta tempada.

Ao contrario que nos encontros previos, o inicio dos viveireses foi moi bo e pronto conseguiron poñer terra de por medio, gracias a unha defensa ante a que sufrían moito os ourensáns e a un ataque moi fluído que atopaba cómodas opcións de lanzamento. Deste xeito, os locais vencían por 7 tantos ao descanso: 16-9.

Tralo paso polos vestiarios, cambiou a decoración. O 6:0 do Galipizza Viveiro baixou o seu nivel e empezou a conceder demasiado a un conxunto ourensán que soubo aproveitalo e mesmo se chegou a poñerse a tres tantos de distancia. 22-19. De todos os xeitos, os de Javi Villares recuperaron o ritmo e en ningún momento perigou o triunfo, aínda que os 18 goles encaixados no segundo período deben servir de reflexión para as vindeiras xornadas.

Entre os aspectos máis destacados deste encontro estiveron os regresos de Andrés e do porteiro xuvenil Edu, logo de recuperarse ambos de distintos problemas físicos.

O Galipizza Viveiro viaxará a próxima fin de semana á pista do Balonmán Chapela Talleres Ponteseca, que se impuxo na xornada inaugural con claridade ao Balonmán Xallas: 23-36. Os chapeleiros finalizaron terceiros no grupo II da Copa, despois de acadar tres triunfos e dúas derrotas.

BALONMÁN GALIPIZZA VIVEIRO (31): Peña e Edu; Jose Labaén (1), Antón, CArlos (4), Javi Villares (9), Jose Da Silva, Villares (2), Fede, Turbo (7), Andrés, Diego (1), David Rodríguez, Sanjurjo (4), Jacobo Permuy e Aitor (3).

Exclusións: Diego e Villares.

CAMPUS OURENSE (27): Neves, Hernández (9), Aarón (4), Pablo, Fernando, Rubén (4), Diego (2), Eric (1), Guillermo, Nilson, Andrés (2), Estévez, Steven, Iván (1), Óscar, Adán, Louis (3) e David.

Exclusións: Aarón.

Árbitros: Sergio Ríos e Jose Carballeira.

Incidencias: Uns 100 espectadores no Municipal de Viveiro.

Exit mobile version