Site icon Crónica3.com A Mariña

Historias dun recuncho laurentino

No proxecto inicial da construción do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá a traza que se fixo do pazo abacial non corresponde coa que logo se levou a cabo. No proxecto contemplábase que a portería ocupara o centro simétrico do que sería a súa fachada, de tal forma que esta formara ángulo recto coa igrexa que se ía construír. Por diversas razóns, a igrexa conventual edificouse uns metros máis ao norde do previsto, quedando un espazo rectangular entre a portería e a igrexa.

Na nosa memoria lembramos sempre este recuncho axardinado, presidido por unha ‘copa’ fornecedora de chorros de cristalinas augas, vestixio dunha fonte claustral que refrescara a vida conventual dende que os frades trouxeran a auga da Fervedoira, “conducir el agua a este dicho claustro nuevo y maior de él, recoxiéndola toda y la que fuera necesaria para que en la despedida que hiciera en las tazas que se ha de hacerse en dicho claustro pueda haber quatro caños corrientes de dicha agua”.

A ornamentación, en forma de xardín, deste espazo tivo lugar en 1912, que foi cando a Corporación Municipal presidida por D. Valentín Solla Ron así o acordou, enfrontándose ás protestas do cura párroco D. Martín Díez que pretendía paralizar as obras.

Nun escrito que o alcalde dirixe ao párroco, en outubro de 1912, comunícalle que as obras non se van parar porque a Alcaldía non ten potestade para facelo por ser un acordo da Corporación Municipal, pero que aínda que tivese poder para facelo non o faría por tratarse dunha obra moi beneficiosa para o pobo, porque amais de engalanar ese espazo deixaría de ser un lugar utilizado como latrina, “porque ello sería tanto como patrocinar que continuase siendo una letrina lo que ha de ser un jardín en beneficio de la higiene, del ornato público y, sobre todo, para mayor honra y gloria de Dios; que más pregonan su omnipotencia y bondad las flores con su aroma y belleza que no las miserias fisiológicas de la humanidad, resaltadas por el olor hediondo, nauseabundo y antihigiénico que sin interrupción se siente al pie de la Casa del Señor, en la que se ven los sillares carcomidos por el ácido úrico, efecto de no haberse tomado antes las acertadas medidas de ahora”.

Tamén lle recorda o alcalde ao párroco que o lugar obxecto do axardinamento non pertence nin ao Concello nin a Igrexa, senón ao Estado, como consecuencia da incautación derivada da desamortización de 1835.

Hai cinco anos á ‘copa’ puxéronlle como compañeiro o busto do polígrafo laurentino Francisco Fernández del Riego.
Na actualidade este bonito recuncho dá sensación de abandono e descoido, algo que non merece a copa, nin o busto de Fernández del Riego, nin moito menos a engaiolante contorna da praza do Conde Santo, que como dixera Álvaro Cunqueiro “é unha das máis fermosas compostelas de Galicia”.

Manuel Román Ramos

Exit mobile version