Site icon Crónica3.com A Mariña

Ibuprofeno Teatro presenta ‘Raclette’ en Viveiro

racletteA Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela, a medida que comían, queixo, carne e verduras. Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que
aparentemente non teñen relación, pero que conviven e se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza e a violencia.

Os cinco personaxes sentados á mesa conforman un complexo mosaico humano: son liñas de fuxida cara a unha identidade que os axude a sobrevivir a través do traballo, a arte, a descendencia… A súa posta en común nun contexto aparentemente inocente, que agocha un suceso terrible que só se destapará ao final, xera un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles. Deste conflito profundo entre persoas que han de convivir a pesar das diferenzas xorde un humor escuro, incómodo, que busca a risa no máis negativo do ser humano. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes.

Por unha banda, Paula, enerxética e ambiciosa axudante de dirección nunha produtora audiovisual, seleccionou a Mateo (12 anos) para protagonizar unha importante serie de televisión, polo cal convida a cear Raclette aos seus pais -Vero e Adolfo- para negociaren as condicións laborais do rapaz nun ambiente de proximidade e confianza. Esta estratexia é moi mal vista pola súa parella, Raúl (actor de teatro alternativo de carácter impetuoso, agresividade verbal e humor corrosivo), que odia o traballo de Paula e todo o universo do audiovisual por extensión. Vero, enfermeira nun hospital público, chega en plena discusión da parella. Malia a insistencia de Paula, ten moitas dúbidas e non acaba de aceptar o contrato; está obsesionada pola educación do seu único fillo (vai a un colexio privado carísimo e contratou unha nativa para que practique inglés polas tardes), pola saúde e pola alimentación (é vexetariana, só consome produtos ecolóxicos e está á fronte dunha horta urbana). Adolfo non chegará a presentarse.

Por outra banda, Mario, xornalista de prestixio cunha visión lúcida e crítica do mundo, que sofre a angustia de ter quedado no paro, espera que chegue do traballo Miriam, a súa parella, que segue nadando cos golfiños nos espectáculos que se ofrecen no acuario do zoo a pesar de estar nun estado de profunda tristeza. Mario ten preparada unha Raclette, a comida favorita do seu único fillo Nico, que acaba de morrer en estrañas circunstancias, para sorprendela e para tratar de superar o trauma, a dor, a sensación de perda na que están inmersos.

Sábado 22: Ibuprofeno teatro. Raclette. RGTA.
Lugar: Teatro Pastor Díaz (Viveiro)
Hora: 20.30 horas

Obra/Espectáculo : Raclette
Autor : Santiago Cortegoso
Dirección : Santiago Cortegoso
Adaptación : Santiago Cortegoso
Escenografía : Diego Seixo
Deseño son : Quito
Deseño iluminación : Salvador del Rio
Vestiario : Marián Bañobre
Elenco artístico : Salvador del Río, Deborah Vukusic, Toni Salgado, Iria Sobrado, Marián Bañobre
Clasificación : Teatro / Contemporáneo
Duración : 75 min
Público : Adultos

Exit mobile version